Arroxo representa ao Concello de Lugo no II Foro da Mobilidade

LugoXa
O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, participará o vindeiro martes no II Foro da Mobilidade.
ruben arroxo
17 sep 2021

O tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, participará o vindeiro martes no II Foro da Mobilidade organizado polo Concello da Coruña, dentro das actividades da Semana Europea da Mobilidade. O Tenente Alcalde participará na mesa redonda Avances e resistencias na gobernanza da mobilidade local, que contará coa presenza de representantes dos gobernos municipais das sete cidades galegas. Rubén Arroxo agradeceu ao Concello da Coruña “que se fixen no modelo de mobilidade que estamos a aplicar en Lugo e que nos conviden a poñelo en común co resto de cidades do País”.

Rubén Arroxo explicou que “neste foro destacaremos a labor realizada nos dous últimos anos na mobilidade en Lugo, poñendo en valor as distintas actuacións realizadas para gañar espazos para os peóns, fomentando o uso de medios de transporte alternativos e apostando por un transporte público que mellore as conexións diarias da veciñanza”.

O tenente Alcalde lembrou que “a crise sanitaria fíxonos ver que as cidades non foron deseñadas para contar con espazos para as persoas, vimos como os espazos de todas as cidades quedaban curtos cando comezamos a saír de xeito masivo nos horarios nos que se permitiu pasear”.

O II Foro da Mobilidade do Concello da Coruña contará tamén con distintas palestras relacionando a mobilidade coa saúde, o deseño das cidades e a mobilidade alternativa nos espazos públicos. Terá lugar o vindeiro martes a partir das 16:30 no Museo Científico Domus da Coruña.

0.20294094085693