Arroxo reúnese con membros de Amnistía Internacional, que este ano celebra o seu 40 aniversario

LugoXa
O tenente alcalde manifestou o apoio do Goberno de Lugo á 52 asemblea estatal do colectivo, que se celebrará en Lugo no mes de abril
reunion-arroxo-amnistia-internacional
31 Mar 2026

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reuniuse con integrantes da directiva de Amnistía Internacional para "coñecer de primeira man as actividades que esta organización ten planificado organizar en Lugo e estudar vías de colaboración". Arroxo destacou que “mantemos as instalacións municipais abertas a todas as actividades destinadas á mellora dos dereitos humanos".

Arroxo anunciou que a Tenencia de Alcaldía colaborará con Amnistía Internacional de cara á súa 52ª Asemblea Federal Estatal, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos a fin de semana do 18 e 19 de abril de 2026, e que reunirá en Lugo a varios centos de socios e socias do colectivo chegados desde distintos puntos do Estado. Lugo acolle esta xuntanza como parte da celebración do 40 aniversario da presencia de Amnistía Internacional na cidade.

Durante os dous días do encontro, Amnistía Internacional debaterá arredor dos desafíos aos que se enfronta a organización no 2026, nun momento no que o mundo está en crise, entre outras cousas, debido ao rumbo das decisións de Donald Trump e o seu impacto en conflitos como os de Oriente Medio.

Amnistía Internacional é un movemento global de máis de 10 millóns de persoas comprometidas en crear un futuro no que todas e todos gocen dos dereitos humanos. O seu obxectivo é un mundo no que todas as persoas poidan gozar plenamente de todos os dereitos humanos proclamados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e noutros mecanismos internacionais de protección. Para acadar esta visión, desenvolven tarefas de investigación e acción orientadas a impedir e erradicar os abusos graves contra eses dereitos.

0.11988210678101