Arroxo será o primeiro alcalde do BNG en Lugo, aínda que de xeito provisional

LugoXa
Por primeira vez na historia, o BNG vai ter a Alcaldía da cidade, aínda que sexa en funcións e por un breve período de tempo, do mesmo xeito que é a primeira vez na historia de Lugo que un alcalde renuncia.
arroxo como alcalde provisional de lugo
12 Jan 2024

Por primeira vez na historia, o BNG vai ter a Alcaldía da cidade, aínda que sexa en funcións e por un breve período de tempo, do mesmo xeito que é a primeira vez na historia de Lugo que un alcalde renuncia. Así comezou a súa primeira comparecencia como alcalde provisional Rubén Arroxo nesta primeira intervención logo do cese de Lara Méndez no Pleno de esta maññá.

No primeiro punto, o tamén concelleiro de infraestruturas asegurou que o pacto seguirá adiante. “As persoas estamos de paso pero as ideas mantéñense no tempo”, asegurou. Tamén lembrou que os orzamentos do Concello veñen de ser aprobados dentro da ruta de traballo do convenio entre os dous partidos de Goberno e a folla de ruta está marcada claramente.

"Ser alcalde da cidade onde nacín e onde me criei, aínda que sexa por un breve período, é posiblemente o maior orgullo que vaia ter nesta vida", dixo Arroxo, que tamén asegurou que nestes días "vou traballar con todo o que poida nestes días".

Arroxo insistiu na súa preocupación pola boa xestión da cidade, sempre dende o rigor, a seriedade, a lealdade e o compromiso cos veciños e cas veciñas. “Estes días, dicir que Lugo é o primeiro parece unha consigna baleira, pero eu podo dicir que, para min, Lugo si é o primeiro, co aval de que eu nacín aquí, medrei aquí, eu resido aquí, eu quero vivir o resto da miña vida aquí e a miña familia é de aquí. Para min Lugo non é que sexa o primeiro, para min é o primeiro, o segundo e o terceiro, e polo tanto neste momento vou facer que así sexa con todos os meus esforzos”, expuxo Rubén Arroxo.

Sobre a proposta do novo alcalde, Arroxo afirmou que se respectarán os tempos do PSOE neste proceso de sucesión e que espera que a próxima semana xa se poida saber quen será, pero como moi tarde, o día 22 haberá un candidato firme. "Manteremos unha reunión para ter claros os puntos de traballo", pero será un trámite "porque non haberá problema", engadiu.

Arroxo manifestou que non ten predilección por ningún candidato e que "imos respectar os debates internos do PSOE tal e como nos gustaría que fixeron con nós se fose o caso".

As liñas programáticas continúan o mesmo rumbo cas do pasado mandato “no que cumprimos o 95% do que prometeramos polo que, neste novo, aquilo que se dixo, executarase do mesmo xeito”, explicou Rubén Arroxo. O alcalde en funcións prometeu tamén unha “transición totalmente normalizada” cun proceso no que o Concello vai seguir funcionando correctamente polo ben da veciñanza e da cidade, aclarou.

0.16512703895569