ArteSanFroilán celebra a súa 29 edición con 19 obradoiros que exhiben a creatividade da artesanía galega

LugoXa
A feira, situada na praza Anxo Fernández Gómez, estará aberta ata o 12 de outubro no marco das festas do San Froilán
ArteSanFroilán
4 Oct 2025

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, inauguraron a feira de artesanía ArteSanFroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, que chega á súa 29 edición consolidada como escaparate da artesanía lucense e galega durante as festas patronais.

Nesta ocasión participan 19 obradoiros que ofrecen unha ampla variedade de produtos de cerámica, téxtil, coiro ou madeira, que combinan tradición e innovación para reflectir a creatividade dos oficios artesanais. Entre eles figuran propostas que van desde bonecos de ganchillo ou xogos tradicionais ata xoias, complementos, marroquinaría, imaxinería festiva, roupa pintada a man, artigos de coiro, madeira e cerámica ou creacións sostibles con materiais reciclados.

Castro e Ferreiro animaron a veciños e visitantes a achegarse á feira e apoiar unha actividade que promove a calidade, a sostibilidade e a creatividade dos profesionais do sector. Como en anteriores edicións, os postos instálanse de balde para as firmas participantes.

ArteSanFroilán permanecerá aberto ata o 12 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Concello de Lugo, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.091506958007812