Artistas contemporáneas inauguran unha mostra táctil no Museo de Lugo que facilita a inclusión
A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou a mostra Ver e tocar: escultoras no Museo Tiflolóxico, cunha selección de pezas de escultoras contemporáneas para descubrir a través do tacto. O tamaño, a textura ou a temperatura son as chaves para percibir estas obras, que ofrecen así unha experiencia dobre e nova para todas as persoas visitantes.
Ana Hernando, Mercedes Rodríguez Elvira, Sara Giménez, Alicia Rubio García, Gema Labayen, Francisca Llabrés, Pilar Vicente De Foronda , Fátima Cortés, Elena Laverón, Muche, Sonia Cardunets García, Kay Woo, Fátima Cortés, Francisca Llabrés -as dúas últimas presentes na inauguración do acto – son as autoras das pezas, que poderán visitarse no Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 30 de setembro.
Trátase da segunda exposición táctil que acolle o Museo Provincial de Lugo este ano despois da mostra da artista catalá Ana María Marín, “afondando nunha liña de traballo dirixida á configuración de museos accesibles e inclusivos que faciliten o acceso á creación artística e ao patrimonio a todas as persoas”, asegurou Castro.
No acto, que contou coa presenza das artistas Fatima Cortés e FranciscaLlabés, participaron tamén a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro; Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo; Francisco Javier Farnés, director da ONCE en Lugo e Ricardo Badía Lázaro, xefe do Departamento de Servizos Sociais da ONCE en Galicia.