As actividades para os maiores de Lugo rexistran unha asistencia diaria de 70 persoas
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada da edil de Maiores, Olga López Racamonde, comprobou de primeira man a boa aceptación das actividades na rúa postas en marcha pola concellería de Benestar coas que se quere aproveitar as prazas e parques da cidade para ofertar ás persoas maiores de Lugo a posibilidade de practicar actividade física.
Para iso estivo nunha das clases de ximnasia ao aire libre que se imparten na praza Viana do Castelo, un dos enclaves urbanos, que xunto ao parque da Milagrosa e a praza do Castiñeiro, contan con máis participación ao tratarse dalgúns dos barrios más activos e dinámicos do municipio. Nestas localizacións rexistráronse xornadas nas que se reuniron até unha vintena de asistentes, aínda que a media diaria habitual sitúase en torno ás 10 ou 12 persoas por praza, o que supón ao arredor de 70 participantes por día.
Paula Alvarellos conversou coas e cos asistentes ao programa de ocio saudable en Viana do Castelo e confirmou a gran aceptación dunha actividade que cada ano vai gañando en número de usuarios. A alcaldesa sinalou que “se trata dunha aposta decidida polo envellecemento activo das e dos nosos maiores, ao tempo que evitamos as situacións de illamento e soidade que en ocasións afectan a este colectivo. É unha proposta que favorece o ocio saudable das e dos lucenses ademais da súa socialización, de aí que a área de Benestar e Maiores manteña e coide ao máximo o desenvolvemento deste programa”.
Esta proposta de lecer alternativo ao aire libre púxose en marcha na época da pandemia, na que se impoñía o desenvolvemento de actividades en espazos abertos. Tralo éxito, o Concello de Lugo apostou por mantelas na oferta de ocio activo para os maiores de Lugo, e forman parte do verán desde entón. As clases de ximnasia na rúa comezaron o 1 de xullo e se prolongarán ata o 29 deste mes, con horario de 18.00 a 19.30 horas, e sen inscrición previa.
Desenvólvense de xeito alterno: os luns e mércores, nas prazas e parques do Castiñeiro, Viana do Castelo, Carballeira de Fingoi e Trapero Pardo, mentres que os martes e xoves, os lugares escollidos para a práctica destas actividades son as prazas da Milagrosa, a das Illas en Montirón, zona da Abella e no barrio do Sagrado Corazón.