'As Alumnas' estrearase o vindeiro 3 de marzo no Gustavo Freire

LugoXa
Estreno de la obra As Alumnas en el Auditorio Gustavo Freire de Lugo. Tendrá lugar el próximo 3 de marzo a las 20.30 horas.
As Alumnas2
2 Mar 2022

O 3 de marzo estréase As Alumnas, unha obra sobre memoria histórica, igualdade e xustiza social. A estrea terá lugar o 3 de marzo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.

A educación foi a peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, Este é o eixo fundamental desta nova peza de Culturactiva Producións que se poderá ver ás 20.30 horas.

Anabell Gago e Mónica Camaño, dirixidas por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

“As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, afirman dende Culturactiva Producións.

As Alumnas non é a primeira peza que afronta a memoria histórica, pero aporta un enfoque singular, poñendo o foco no legado de María Barbeito e comparando dous modelos educativos e de sociedade: a II República e o Franquismo. As dúas personaxes femininas protagonistas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil. Xunto a elas o público sentirá nostalxia e impotencia, pero tamén esperanza ao revivir as transformacións sociais do momento.

Para celebrar a estra, poñen en marcha unha campaña nas redes. O obxectivo é homenaxear o papel das mestras galegas de onte, hoxe e sempre a través da figura de María Barbeito. Para iso, deberán mandar historias relacionadas con algunha mestra subindo algunha foto da época ou de obxectos que se conserven etiquetando a @culturactiva_coop e usar os cancelos #AsAlumnas2022 #asnosasmestras.

As aportacións recibidas serán integradas na obra As Alumnas como unha homenaxe colectiva á profesión.

0.13979816436768