As asociacións de Lugo poden solicitar un local no CEI-Nodus

LugoXa
O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local desta semana as bases e a convocatoria para a cesión de locais e instalacións no CEI-Nodus municipal a asociacións e entidades sen ánimo de lucro lucenses que contribúan á dinamización económica do municipio, para o desenvolvemento dos seus programas.
26 Mar 2024

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local desta semana as bases e a convocatoria para a cesión de locais e instalacións no CEI-Nodus municipal a asociacións e entidades sen ánimo de lucro lucenses que contribúan á dinamización económica do municipio, para o desenvolvemento dos seus programas. Así o avanzou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou o valor do tecido asociativo no desenvolvemento local.

Poñeranse a disposición das entidades interesadas catro locais de uso individualizado, así como varias salas e aulas de uso polivalente, “co propósito de facilitar a súa actividade e a posta en marcha de programas cos que dinamizar economicamente e poñer en valor o noso territorio”, sinalou o edil. Manteñen deste xeito o obxectivo de “respaldar o seu labor en prol da comunidade xa que o consideramos un motor social e económico estratexico para a nosa cidade”.

A través da cesión de uso destes espazos a concellería de Dinamización Económica busca dar soporte ás entidades que levan a cabo proxectos de fomento, sensibilización, formación, información e asesoramento sobre a cultura emprendedora, a dinamización económica, o aproveitamento de recursos, a posta en valor do territorio, o fomento do emprendemento e a creación de emprego no municipio de Lugo.

As asociacións ou entidades interesadas en usar estes locais deberán acreditar unha experiencia mínima de 2 anos desenvolvendo programas ou actividades de fomento, dinamización e promoción económica dentro do termo municipal de Lugo. Así mesmo, deberán xustificar de maneira rigorosa a necesidade dun local por carecer dun espazo axeitado para o desenvolvemento do seu cometido e presentar un programa que conteña actividades de carácter continuo ao longo do ano.

Actualmente estes catro locais están cedidos ás asociacións Edeidades e AELU, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, que comparten un mesmo espazo co propósito común de apoiar á muller na súa plena integración na sociedade; AJE Lugo, a Asociación de Xóvenes Empresarios de Lugo; Markers Lugo, asociación creada co fin de contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre; e AdisLugo, a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo. Estas entidades poderán participar novamente na convocatoria, segundo explicou Repetto.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14183712005615