As asociacións de veciños de Lugo piden que se reforce o servizo de Xeriatría do HULA
Solicitan máis profesionais e recursos para a provincia, que se sitúa como a terceira coa porcentaxe máis alta de poboación maior de 65 anos en España
Desde a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti piden que se reforce o servizo de Xeriatría do HULA, dotándoo de máis profesionais e máis recursos. Sinalan que nunha provincia tan envellecida como a de Lugo, a terceira coa porcentaxe máis alta de poboación maior de 65 anos en España, este servizo debe ser prioritario.
“Lugo, cunha poboación rural, dispersa e elevadamente envellecida, cun gran grao de persoas dependentes, con moitas patoloxías, é unha provincia que dado estas situacións require un coidado por parte de profesionais sanitarios importante”, expoñen. Neste censo, refírense ao cociente de pediatras con respecto ao número de nenos, fronte ao cociente de xeriatras con respecto ás persoas maiores.
“Do mesmo xeito que a pediatría se ocupa da promoción da saúde e o control do neno san ata os 15 anos, existindo unha cociente elevada destes profesionais tanto en centros de saúde como en hospitais, non ocorre o mesmo coa especialidade de xeriatría, tendo en canta ademais que o número de enfermidades que sofre este colectivo é superior”, expoñen
Esta especialidade ten como obxectivo promocionar a saúde nas persoas maiores, diagnosticar e tratar as enfermidades deste colectivo e previr ou atrasar a discapacidade ou dependencia. Polo tanto, solicitan desde a Federación Lucus Augusti unha valoración especializada dos nosos maiores e un acceso máis fácil e precoz co Servizo de Xeriatría de Lugo, “xa que debido á sobrecarga que sofren estes facultativos, ás veces é imposible chegar a eles”. Tamén solicitan un incremento da contratación de xeriatras, así como máis medios tanto económicos como humanos para este servizo.