As asociacións veciñais da zona norte de Lugo piden unha revisión das liñas de autobús urbano
A veciñanza da Milagrosa denuncia a perda do bus directo ao cemiterio, os de Paradai piden unha liña de ida e volta cara o centro e os do Castiñeiro quéixanse de que a conexión co Hula vaia ateigada de xente e resulte complicada para as persoas con mobilidade reducida
A Plataforma pola Defensa da Zona Norte de Lugo denuncia carencias no funcionamento do servizo de transporte urbano nesta zona da cidade tras dous anos desde que se iniciou a reforma das liñas de autobús. Para eles, esta modificación fíxose “sen consultar coa xente, sen recoller suxestións da xente e sen dar participación ningunha á veciñanza”.
Os veciños e veciñas do Sagrado Corazón e a súa área, incluídas as rúas Venancio Senra e Calzada das Gándaras, solicitan que se contemple nos orzamentos municipais de 2024, a contía requirida para a recuperación das liñas suprimidas de bus urbano que daban comunicación ao barrio co resto da cidade. Ademais, lembran que se trata dunha zona na que viven bastantes persoas con mobilidade reducida ou funcional que se viron gravemente prexudicados.
Deste xeito, piden recuperar a liña 7A (As Gándaras – Cemiterio e a liña 7 (As Gándaras – Campus). “Coa liña 7A o autobús subía pola rúa Venancio Senra e tiña a súa parada nas inmediacións do polígono e noutros puntos desa rúa. A liña 7 baixaba pola rúa Venancio Senra e dispoñía de parada nunha esquina do polígono”. Expoñen que a supresión causou un importante prexuízo á cidadanía, ao colexio, ao centro de saúde e aos negocios. “A súa recuperación é esencial, polo cal reclamamos a súa nova posta en funcionamento a curto prazo”.
Os da Milagrosa piden un bus directo co cemiterio
Pola súa parte, a veciñanza da Milagrosa demanda que non teñen ningún bus directo ao cemiterio como tiñan antes. “Agora para poder facelo teñen que ir a Ramón Ferreiro e alí cambiar de liña, coa dificultade que isto supón para a gran maioría da xente que nos demanda este servizo e que se trata de xente maior, que estes transbordos suponlles unha dificultade importante”, denuncian dende o colectivo.
A problemática afecta tamén a zona de Paradai. “Indícannos que unha das liñas que pasa polo barrio vai polas Gándaras - Sacro Corazón e Rolda (Sindicatos), o percorrido lévalles media hora, co cal chegan antes ao centro andando. Outra liña vai non vai ao centro e din que os buses van practicamente baleiros”. Por este motivo, piden un bus de ida e volta cara ao centro (Porta San Fernando – Porta Rúa Nova), o máis preto posible da Praza de Abastos. Para poder ir ao Hula, “teñen que utilizar o intercambiador e á xente maior complícaselle, porque non saben utilizalo”.
Os lucenses do barrio do Castiñeiro tamén solicitan reforzas e máis percorrido da liña 9 e quéixanse do autobús que chega ata o HULA. “Á parte de que sempre vai a tope de xente, ten moitas escaleiras e os que van con muletas ou cadeiras de rodas téñeno complicado”. En función de todas estas queixas presentadas, a Plataforma pola Defensa da Zona Norte —que agrupa os colectivos veciñais do Sagrado Corazón, Gándaras, Paradai, Milagrosa, Piringalla, Garabolos, Castiñeiro e Casás— solicitan unha revisión das liñas de bus adaptada ao que piden a veciñanza.