As atletas do Biosbardo fanse co subcampionato galego por equipos

O Club Deportivo Biosbardo de Lugo asinou unha destacada actuación na fin de semana no Campionato Xunta de Galicia de Cross Máster, celebrado este sábado, 24 de xaneiro, en Ribadavia. A cita, disputada nun circuíto esixente marcado polas adversas condicións meteorolóxicas, reuniu a competición individual e por equipos, tanto en categoría masculina como feminina.
A gran protagonista no apartado feminino foi Carla Trillo, deportista da Mariña lucense, que liderou a participación do CD Biosbardo cunha carreira moi intelixente. Trillo foi gañando posicións ao longo da proba e asinou unha última volta sobresaliente que lle permitiu entrar terceira absoluta en meta, acadando así o bronce na clasificación xeral e proclamándose tamén terceira na categoría F40, ao coincidir as tres primeiras absolutas nesta franxa de idade.
Moi preto dela chegou Fanny Abelenda, que debutaba na especialidade e realizou unha notable xestión de carreira, logrando o subcampionato galego na categoría F35. O equipo feminino completouse coa atleta de Caldas de Reis Enara Fernández, cuxo resultado permitiu ao conxunto do CD Biosbardo proclamarse subcampión galego por equipos, quedando a tan só un punto do equipo gañador, o Atletismo Arenteiro.
No apartado masculino, Emilio Montilla regresou á competición nunha das súas especialidades predilectas, dando así inicio á súa tempada deportiva. O atleta cruceño volveu amosar a súa experiencia e capacidade táctica, remontando varias posicións na última volta para colgarse o bronce galego na categoría M55. Xusto a continuación entrou en meta José Voces, cuarto clasificado na mesma categoría, nunha proba que tamén supuxo o seu debut no cross máster.
Con estes resultados, o CD Biosbardo de Lugo volveu evidenciar a súa polivalencia e o alto nivel competitivo dos seus deportistas, acadando excelentes marcas tanto a nivel individual como colectivo nunha das citas máis esixentes do calendario autonómico.