As augas pluviais en Souto de Torres, en Castroverde, foron melloradas

LugoXa
Cun total de 55.600 euros, a Xunta acometeu esta actuación promovida polo Concello de Castroverde, onde estivo o delegado territorial de Lugo, Javier Arias
Xunta-mellora-saneamento-Souto-de-Torres-Castroverde
20 Nov 2024

As augas pluviais en Souto de Torres, no municipio de Castroverde, foron melloradas a través da liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2024.

Así, cun total de 55.600 euros, a Xunta acometeu esta actuación promovida polo Concello de Castroverde, onde estivo o delegado territorial de Lugo, Javier Arias. O obxectivo foi mellorar as condicións de recollida e evacuación das augas da chuvia nese núcleo, que se sitúa no trazado do Camiño Primitivo.

Con esa finalidade, proxectouse a execución dun pavimento con novas pendentes e peraltes cara os imbornais e sumidoiros que evacúan as augas á rede de saneamento. Tamén se instalaron novas tubaxes soterradas que conectan coa rede xeral.

Todas estas melloras contribuirán a evitar problemas ocasionados polas deficiencias na recollida de pluviais, como o deterioro de camiños, a degradación de terreos ou a derivación de auga ao interior das vivendas.

De forma complementaria, o proxecto incluíu outra actuación para a conservación dunha fonte de pedra granítica localizada na zona. O proxecto centrouse na limpeza e roza da contorna, a execución dun solado de acceso e a mellora da seguridade mediante a instalación dunha reixa de fundición para evitar caídas ao interior do pozo que hai nas inmediacións.

0.19909715652466