As Aulas Abertas do Rural realizan unha viaxe a Luarca
O Executivo de Paula Alvarellos está a programar unha novidosa iniciativa coa que pechar as Aulas Abertas do Verán na Zona Rural, afondando nos lazos de convivencia que xeran o citado programa de conciliación familiar. Ofértanse 50 prazas para esta viaxe, que terá lugar o 4 de setembro, con Luarca como destino. A edil de Cohesión Territorial, Ana Gonzaléz Abelleira, sinala que “con esta nova iniciativa queremos pechar por todo o alto o programa de Aulas Abertas que se está a desenvolver en xullo e agosto en oito parroquias lucenses, e que está a acadar unha moi alta participación; agardamos que esta excursión a Luarca teña o mesmo éxito, e que sexa a primeira de moitas viaxes interxeracionais máis”.
Poderán desfrutar desta nova proposta as cativas e cativos onde se desenvolve o programa das Aulas Abertas do verán, é dicir nenas e nenos das parroquias de Bosende, Calde, O Burgo, Saa, Santa Comba, Pías, Piñeiro e San Xoán do Campo, sempre e cando vaian acompañados dunha persoa maior (nai, pai, titor legal ou persoa autorizada por eles). Outra das condicións que se esixe para a inscrición é que todos os participantes deberán estar empadroados en Lugo.
A solicitude de praza se pode formalizar desde este luns, día 5 de agosto, ao día 9, no horario de 10.00 a 13.00 horas no Centro de Convivencia Maruja Mallo, con 50 prazas por orden de inscrición. Tamén se facilitará a posibilidade de realizar a inscrición telefonicamente, no número 982.297.494, coa posterior entrega de documentación.
Esta nova actividade ludicocultural terá lugar o día 4 de setembro, con saída e chegada na Praza de Bretaña, ás 09.00 e ás 21.00 horas, respectivamente. A viaxe contempla unha parada na área de servicio de Mondoñedo, con chegada a Luarca para comer e con tempo de lecer para percorrer o pobo e as súas praias. Ademais se están a valorar as visitas ao Museo do Calamar Xigante e ao Parque da Vida.