As Aulas Abertas en Lugo alcanzan unha participación próxima ao 90 % en xullo

O programa municipal de Aulas Abertas desenvolvido nos centros de convivencia de Lugo pechou o mes de xullo cun elevado nivel de participación, tanto nos espazos da cidade como nas parroquias rurais.
Segundo indicou o alcalde, Miguel Fernández, durante unha visita ao centro de Abella acompañado pola concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, a asistencia media foi próxima ao 90 %, chegando ao 92 % no caso dos centros rurais.
Durante o mes de xullo, os cinco centros urbanos de A Milagrosa, Maruja Mallo, Fingoi, Paco Martín e Abella ofertaron 223 prazas repartidas en dúas quendas quincenais para nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, cun horario de 8.30 a 14.30 horas. O centro de Abella acolleu case 40 menores, cifra que se prevé repetir tamén no mes de agosto.
Nos centros das parroquias rurais de Pías, Calde, O Burgo, Santa Comba, Saa, San Xoán do Campo e Bosende, tamén se desenvolveron actividades adaptadas á demanda das familias do rural, cunha oferta próxima ás 80 prazas. Os períodos de participación abranguen dende xullo completo ata opcións por quendas, como sucede en Bosende, onde a actividade comezará o 11 de agosto e xa conta co total das prazas cubertas.
Para este mes de agosto, a previsión continúa a ser positiva nas Aulas Abertas urbanas, con 230 prazas dispoñibles nos mesmos cinco centros da cidade. A concelleira Olga López Racamonde explicou que en varios centros foi necesario ampliar a oferta inicial de prazas para atender a todas as solicitudes, especialmente as de familias con varios menores a cargo.
Pola súa banda, Ana González Abelleira, concelleira responsable das aulas nas parroquias, salientou o éxito da iniciativa no ámbito rural, destacando que “non só facilita a conciliación das familias, senón que tamén favorece a integración, a convivencia e o sentimento de pertenza dos cativos e cativas nas súas parroquias”.
No proceso de asignación das prazas, o Concello de Lugo prioriza as solicitudes de familias en situación de vulnerabilidade e tamén dá preferencia ás persoas con diversidade funcional, co obxectivo de garantir a súa participación e promover a súa integración nos programas de lecer educativo municipais.