As aulas abertas no rural de Lugo, un éxito nas parroquias de Calde e O Burgo

LugoXa
O Concello de Lugo puxo en marcha as aulas abertas no rural cunha oferta de 500 horas de actividades, para unhas 110 nenas e nenos á semana
Aulas-Abertas-O-Burgo-Lugo
29 Xul 2024

A alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos comprobou a alta participación das aulas abertas no rural, coa visita a dúas das escolas nas que se desenvolve este programa municipal de conciliación para as familias, en Calde e O Burgo, ás que neste mes de xullo asisten 12 e 14 nenos, respectivamente. O Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Social e Territorial, puxo en marcha as aulas abertas no rural cunha oferta de 500 horas de actividades, para unhas 110 nenas e nenos á semana, con aulas ás que asisten unha media de 14 participantes, con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos.

Nas dúas escolas unitarias que visitaron esta mañá a alcaldesa e a edil Ana González Abelleira, a demanda deste servizo é alta, ao igual que nas aulas abertas que se fan nas parroquias de Bosende, Saa, Santa Comba, Pías, Piñeiro e San Xoán do Campo. Neste sentido, Paula Alvarellos destacou “o apoio que se presta ás familias para favorecer a conciliación da crianza durante o verán, ao tempo que promovemos iniciativas coas que fomentar o arraigo das cativas e cativos do rural”.

A alcaldesa destaca ademais como liñas mestras destas aulas abertas “a socialización dos seus participantes e a aposta por revitalizar o uso comunitario destas instalacións municipais, que tamén en verán concentran desta forma unha gran actividade”. Pola súa banda, a edil de Cohesión Social e Territorial falou dos “bos resultados destas aulas abertas, nas que ofertamos 500 horas de actividades, en horarios acordados coas e cos participantes, que en total suporán ao remate do verán unhas 110 nenas e nenos á semana, de entre 4 e 10 anos”.

Ademais, Ana González Abelleira explica que “estas aulas abertas dan continuidade aos 21 talleres organizados nas distintas antigas escolas propiedade do Concello de Lugo sitas no Rural nos meses de outono a  maio”. Respecto ao funcionamento deste programa de verán, lembra que “cada aula é atendida por un monitor, quen se ocupa de desenvolver un plan de actividades, no que os eidos da conciliación e o arraigo á vida no rural son os que dan sentido a convivencia dos participantes, acadando unha media de 14 nenos e nenas por escola á semana”.

As actividades son do máis variado e inclúen desde artesanía, obradoiros de robótica e xogos cooperativos e tradicionais, ata confección de murais, de forma que estas antigas escolas volven ter durante o verán un uso docente e didáctico. Cúmprese así o principal obxectivo deste programa que “se centra na conciliación para que os mais pequenos teñan unha adecuada atención e os seus proxenitores poidan desenvolver as tarefas cotiás”, explica González Abelleira.

 

0.20000290870667