As Bolsas de Emprego Municipais dan traballo a máis de medio cento de lucenses
O Concello de Lugo leva contratado xa a un total de 54 persoas a través das Bolsas de Emprego Municipais impulsadas polo Executivo de Lara Méndez neste mandato.
Así o trasladou esta mañá a tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, que tamén avanzou que vén de completarse o proceso de publicación das listaxes para as 42 categorías profesionais existentes, integradas – segundo a última actualización das mesmas - por un total de 9.395 persoas, das 12.000 solicitudes que se presentaron.
“A súa orde de publicación obedeceu a criterios de urxencia segundo as necesidades que se foron detectando para ocupar as prazas vacantes nos servizos con maior carga de traballo”, sinalou a concelleira.
Así, a responsable de Persoal referiu que até a data se formalizou a cobertura de 37 postos de auxiliar administrativo, 10 traballadores sociais, 3 arquitectos pero tamén de oficiais lector de contadores, analista programador, músico ou enxeñeiro.
“De maneira que estas Bolsas supuxeron unha importante oportunidade laboral nun momento de especial incerteza pola inestabilidade que xerou a crise sanitaria e, posteriormente, a social na que derivou”, subliñou Paula Alvarellos.
A titular de Gobernanza lembrou que o obxectivo era crear listas de substitución naqueles departamentos nos que se vén detectando unha demanda frecuente de profesionais que permitan garantir a continuidade da actividade que se desenvolve nestas áreas, sen que se vexan afectadas por circunstancias como as baixas laborais, a chegada de períodos vacacionais ou o incremento puntual das tarefas que teñen asignadas.
Alvarellos Fondo engadiu tamén que “estas bolsas teñen unha vocación permanente, xa que queremos que se constitúan como un recurso ordinario máis para garantir o bo funcionamento da Institución, polo que se someterán a unha revisión anual co fin de refrescar os datos das persoas inscritas, incorporar solicitudes ou engadir outros perfís”.
“Son, xunto co resto de medidas adoptadas polo Executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor da RPT ou a convocatoria das OPEs, outro paso máis para mellorar a atención que a Institución local presta á veciñanza, posibilitando a provisión dos postos de traballo que poidan atoparse vacantes nun momento dado”, destacou a tenente de alcaldesa.
Alvarellos tamén anunciou que esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou as bases específicas de 6 procesos selectivos para a cobertura doutras tantas prazas, convocadas por concurso ou concurso - oposición para a estabilización de emprego temporal, para Técnico de Turismo, Celador Ceip (2 prazas, unha reservada para persoas con discapacidade), Oficial Sepultureiro, Técnico Medio de Xestión e Axudante de Cociña.