As Caldas do Miño xa son unha realidade

LugoXa
A contorna fluvial da cidade de Lugo estreou hoxe un novo revulsivo cultural, de recreo e turístico coa apertura das Caldas do Miño
caldas LUgo
28 Mar 2023

A contorna fluvial da cidade estreou hoxe un novo revulsivo cultural, de recreo e turístico coa apertura e posta en funcionamento das Caldas do Miño, un equipamento de uso público pensado para a relaxación e as relacións sociais que o executivo de Lara Méndez pon a disposición desde mañá, mércores dos e das lucenses, así como das persoas que visiten Lugo, co obxectivo de dinamizar e promover esta zona do municipio.

Trátase de 8 caldas, dúas interconectadas entre si, 6 de auga quente (cunha temperatura de entre 35 e 37 graos),  2 de auga fría, cunha profundidade de entre 60 e 90 centímetros, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 m², e dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche.

A rexedora, acompañada da veciñanza e membros do goberno municipal, participou na apertura desta nova dotación, situada nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela ao carón do Pazo de Feiras. “Dende hoxe os e as lucenses poderán gozar destas novas instalacións eficientes e modernas nun magnífico escenario natural como é a contorna do Miño, e poderano facer, ademais, todos os días do ano”.

“Queremos que as caldas se convertan nun gran revulsivo vinculado co noso legado, xa que están inspiradas nos baños públicos romanos, de modo que, con estas instalacións sumamos novos espazos de lecer para os habitantes de Lugo, pero tamén para as e os peregrinos, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo e pode ser una etapa de parada e descanso para eles, e para a atracción de visitantes nun momento tan interesante para a cidade para captar un turismo de experiencias, e polo tanto, de calidade”, apuntou Méndez.

As Caldas do Miño estarán abertas todos os días da semana en horario de 10:00 a 22:00 horas. Para o seu uso, o Concello habilitou unha App de descarga gratuíta, dispoñible tanto para IOS como para Android, a través da que será posible reservar praza. A persoa que realice a reserva poderá solicitar ata catro prazas, podendo reservar un mesmo usuario ata un máximo de tres veces á semana. As franxas horarias serán dunha hora e media de duración dentro da instalación.

Durante todo o horario de apertura das Caldas, haberá servizo de socorrismo, con atención aos 8 vasos independentes que conforman as instalacións. Tamén contarán con servizo de vixilancia e seguridade durante as 24 horas do día os 7 días da semana.

A nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade, acompañados, xa que dispón de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso. Durante o evento de apertura celebrado este martes tivo lugar unha merenda saudable, clase de ioga a cargo do centro Yoga Om, música e agasallos para os participantes.

Instalacións sostibles e vangardistas

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que aposta o Goberno local.

Cada unha das pozas ten unha forma e dimensión diferentes e o recinto conta cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia. O Concello escolleu esta tecnoloxía para as instalacións por tratarse da opción máis rendible dende o punto de vista da eficiencia enerxética reducindo a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo.

Lara Méndez lembrou, ademais, que o deseño das Caldas busca o mínimo impacto visual e ambiental, “porque queremos ser tremendamente respectuosos coa zona na que se executaron, unha contorna privilexiada na que estamos a traballar con diversos proxectos para que os cidadáns accedan a ela con máis facilidade e a través dunha nova mobilidade, con itinerarios a pé e en bicicleta, desde a trama urbana da cidade”.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

0.22839403152466