As Casas das Linguas de Lugo acollerán campamentos de Semana Santa para nenas e nenos

As Casas das Linguas Municipais María Balteira e Estrada da Granxa organizarán campamentos durante a Semana Santa, co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias e achegar ás nenas e nenos a diferentes linguas de maneira lúdica, segundo explicou a concelleira Maite Ferreiro.
As actividades están dirixidas a menores empadroados no Concello de Lugo nados entre 2016 e 2022 e desenvolveranse os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, en horario de 09:30 a 13:30 horas. Para ofrecer maior flexibilidade ás familias, a entrada poderá realizarse entre as 09:00 e as 09:30 horas, mentres que a recollida poderá efectuarse entre as 13:30 e as 14:00 horas.
O campamento impartirase en inglés, francés e galego, cun enfoque lúdico baseado en xogos e dinámicas participativas que permitan aos nenos e nenas familiarizarse cos distintos idiomas. Están dispoñibles un total de 40 prazas, 20 na Casa das Linguas María Balteira e 20 na Casa das Linguas da Estrada da Granxa.
O prazo de solicitude abrirase do 16 ao 20 de marzo a partir das 10:00 horas, e as prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición. As solicitudes deberán enviarse por correo electrónico á Casa das Linguas correspondente: casa.linguas@lugo.gal para a Estrada da Granxa e casa.linguas.balteira@lugo.gal para María Balteira, indicando nome do alumno ou alumna, data de nacemento, quenda solicitada e teléfono de contacto, podendo incluír varios irmáns no mesmo correo.
A listaxe de admitidos publicarase o 23 de marzo, e o prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o 26 de marzo, data límite para presentar a documentación necesaria.