As Casas das Linguas municipais acollerán campamentos para nenos durante semana santa
As Casas das Linguas Municipais acollerán campamentos durante a semana santa segundo informou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, "queremos facilitar a conciliación ás familias ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos a outras linguas de maneira lúdica” declarou a concelleira.
As actividades estarán orientadas para nenas e nenos de entre 5 e 9 anos, e levaranse os días 3, 4 e 5 de abril, entre as 09.30 e as 13.30. Para solicitar unha praza, debe contactarse mediante correo electrónico entre o 27 de marzo ás 10.00 e o 30 de marzo ás 14.00 coa Casa das Linguas na que se desexe solicitar a praza, no enderezo casa.linguas@lugo.gal para a Casa das Linguas da Estrada da Granxa ou no enderezo casa.linguas.balteira@lugo.gal. As solicitudes para irmás e irmáns deberán remitirse no mesmo correo.
Un total de 30 prazas, 15 en cada unha das casas das linguas, outorgaranse por orde de inscrición, e a listaxe de admitidos será publicada na tarde do 30 de marzo, cando se abrirá o prazo para entregar a documentación necesaria para formalizar a inscrición.