As comunidades de montes de catro parroquias de Castro de Rei celebran unha primeira xuntanza

Este domingo tivo lugar o I Encontro das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común das parroquias de Rodela e Touzón de Viladonga, Rodela de Ludrio, Ansemar e Loentia, pertencentes ao concello de Castro de Rei.
A xuntanza estivo encabezada polos presidentes das respectivas comunidades:Antonio Villamarín Rielo (Viladonga), Iván Legaspi Castro (Ludrio), José García (Ansemar) e Carlos Sinde (Loentia), por iniciativa de Pedro Iravedra Novo, vicepresidente da Comunidade de Montes de Ansemar.
Ao encontro tamén asistiron o alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro; o técnico forestal da Consellería do Medio Rural da demarcación de Meira, Hugo Barredo Silva; e o axente territorial da mesma consellería, Manuel Rodríguez Docando.
O obxectivo principal foi poñer en valor conxuntamente, tanto desde o ámbito veciñal como institucional, o importante activo que representan as Comunidades de Montes para Galicia e, de forma particular, para esta demarcación. Reivindicouse a continuidade do apoio decidido da Xunta de Galicia a estas entidades, adaptándose ás súas necesidades actuais, que foron trasladadas polos seus representantes durante a xornada.
O encontro desenvolveuse precisamente no punto de confluencia das catro parroquias, dentro do espazo común entre as súas comunidades de montes.
A actividade rematou cunha degustación gastronómica no restaurante Casa Pedreiro Rozas Pekín Express, situado no recinto do Real Aeroclub de Lugo-Rozas, no propio municipio de Castro de Rei, recoñecido actualmente co Premio ao Mellor Cachopo do Mundo.
Tanto os representantes veciñais como os institucionais destacaron o acerto da iniciativa, o bo ambiente da xornada e manifestaron o seu desexo de que este encontro teña continuidade no futuro.