As comunidades de montes veciñais poden solicitar axudas da Deputación para as actividades de pastoreo
Foi presentado na Deputación o programa O que non arde, dirixido a contribuír á prevención e defensa contra os incendios forestais e a apoiar a xestión integral dos montes.
Na anualidade 2021, o plan oriéntase ao fomento das actividades de silvicultura nas comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) a fin de reducir a elevada cantidade de biomasa existente nos montes e aminorar o risco de lumes asociado.
Así, ponse en marcha unha convocatoria dirixida ás comunidades de montes veciñais en man común, que poden solicitar a axudas en dous ámbitos:
- para a promoción de actividades silvopastorís con gandeiría extensiva no ámbito de influencia das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa así como nas faixas laterais das redes viarias de titularidade municipal situadas dentro dos límites das terras que xestionan.
- para a elaboración, por parte dun técnico competente, dun plan de aproveitamento silvopastoril, para a regulación de dito aproveitamento e a inscrición no rexistro público de terreos forestais de pastoreo, ou para a súa inclusión dentro dun proxecto de ordenación.
Ademais, aqueles solicitantes de axudas enmarcadas nalgunhas das actuacións incluídas nos dous eixos anteriores poderán solicitar axudas destinadas á investigación da propiedade, resolución de discrepancias catastrais, e outras de natureza semellante que repercutan na mellora organizativa e estrutural da CMVMC, no senso de contribuír á elaboración exacta da planimetría destinada á determinación dos límites do monte comunal.
Beneficiarios e prazos
Poderán ser beneficiarias das ditas axudas as CMVMC da provincia de Lugo cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, e que velen pola defensa contra os incendios forestais mediante o aproveitamento do monte con pastoreo en extensivo de xeito que se contribúa á diminución da cantidade de biomasa existente nas faixas secundarias e/ou laterais das vías de titularidade municipal.
No caso de arrendamento total ou parcial do monte, ou cesión parcial do mesmo para o seu aproveitamento individual por parte dalgúns comuneiros, para a realización dun aproveitamento de pastos por gando en extensivo, os arrendatarios e comuneiros poderán acollerse ao programa.
As axudas, convocadas en réxime de concorrencia competitiva e cun orzamento total de 60.000 euros, poden solicitarse ata o vindeiro 28 de outubro, dacordo coas indicacións recollidas nas bases da convocatoria, dispoñibles na web da Deputación de Lugo e publicadas no BOP do 29 de setembro.
Montes veciñais en man común
Os montes veciñais en man común son unha das poucas formas de propiedade e xestión en común da terra que puido sobrevivir á organización municipal do século XIX e ao fenómeno desamortizador, constituíndose como forma de propiedade característica de Galiza.
A cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común xestionado por 2.800 comunidades de montes. No que se refire á provincia de Lugo, segundo datos de 2016, a superficie xestionada por comunidades de montes é de 205.600 has. e no rexistro figuran 924 comunidades.
Alén das cifras referidas ás comunidades de montes, significativas da importancia desta figura no desenvolvemento económico e produtivo, en Galiza ten unha especial relevancia o aspecto económico dos montes, ao ter as actividades levadas a cabo nos mesmos un carácter estratéxico para o desenvolvemento do medio rural, tendo en conta que aproximadamente o 50% da produción forestal do estado se extrae dos montes galegos, e ao ser unha importante base territorial para o desenvolvemento da gandería extensiva.
Programa pioneiro
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Trátase, segundo explicou Mónica Freire, “ dunha iniciativa pioneira e prioritaria dentro das liñas de traballo que se desenvolven ao longo da lexislatura desde a nosa área de Medio Rural, por contribuír de xeito activo ao fomento do desenvolvemento económico e social, á planificación do territorio provincial, e á fixación de poboación nas zonas rurais”
Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.