As cooperativas presentan unha candidatura común ao Consello Regulador da Carne de Vacún

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Denomínase Cooperativas Gandeiras de Ternera Gallega Suprema-AGACA.
15 Xan 2023

Denomínase Cooperativas Gandeiras de Ternera Gallega Suprema-AGACA.

As cooperativas gandeiras de vacún de carne de Galicia veñen de rexistrar a súa candidatura Cooperativas Gandeiras de Ternera Gallega Suprema-AGACA, no censo A1 correspondente ao sector produtor, dentro do proceso electoral aberto no Consello Regulador IXP Carne de Vacún de Galicia, no marco das eleccións á  renovación dos consellos reguladores do ámbito agrogandeiro galego.

A proposta das cooperativas baséase na defensa da calidade na produción a través duns principios inamovibles.

  • Apóiase unha xestión profesionalizada da IXP fomentando a adopción de decisións do conxunto do sector que favorezan un maior valor das carnes controladas e marcadas.
  • Promóvese a calidade diferenciada da IXP, priorizando Ternera Gallega Suprema.
  • Calquera proposta será dialogada e integradora do conxunto da cadea de valor a favor dunha maior valorización dos animais, afastándose da sistemática confrontación política e sindical que levaría á  desestabilización da IXP.
  • Traballarase por conseguir novos mercados onde obter mellores prezos para un produto de extrema calidade e un maior beneficio para a persoa produtora.

As cooperativas entenden que os Consellos Reguladores de Galicia son unha oportunidade para mellorar o sector a través dunha xestión e actividade profesional, avalada, neste caso por unha densa traxectoria de defensa, apoio e representación ao longo dos máis de 30 anos en activo que leva AGACA, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

Contexto histórico

Os criterios básicos para conseguir unha diferenciación por calidade, xurdiron no ano 1989 froito do traballo de varios colectivos, entre eles AGACA, en representación da produción, e o apoio da Administración Autonómica, conseguindo o recoñecemento de “Produto Galego de Calidade Ternera Gallega”, para as carnes de vacún producidas, industrializadas e comercializadas en Galicia, tal e como se determinou no seu Regulamento.

A partir de 1990, Ternera Gallega (TG) comeza o traballo de información sectorial, coa participación enérxica de todos os axentes: produción tradicional liderada polas cooperativas, cebadeiros, industrias cárnicas, matadoiros... por un obxectivo común: lograr que a carne de Ternera Gallega marque un diferencial de calidade, transmitindo ás persoas consumidoras a tradición, autenticidade e bo facer dos nosos produtores e produtoras.

As Cooperativas galegas apoian e apostan por consolidar TG divulgando información entre as explotación socias e os gandeiros e gandeiras, en xeral, axudando a dar os primeiros pasos para concentrar a oferta de reses identificadas por TG e iniciando unha comercialización profesional, transparente e negociada coa industria e a distribución para beneficio das persoas socias e do conxunto da produción inscrita na IXP.

Evolución das cooperativas en TG

As cooperativas deron os primeiros pasos para conseguir ofertar o produto dunha forma ordenada, programada e coordinada, agrupando a comercialización baixo as súas directrices, ofrecendo un servizo óptimo en resultados e exercendo como interlocutores en todo o proceso comercial. Todo isto lonxe das confrontacións políticas e de liortas entre os membros da produción, introducindo moderación, diálogo e acordos comerciais de interese para os produtores e produtoras.

A persoas produtoras, a nivel individual non alcanzan suficiente volume de gando para abastecer a demanda da industria de forma permanente, conseguir uns prezos de mercado óptimos e garantir a venda das reses todo o ano. Por iso, moitos gandeiros e gandeiras se agruparon para comercializar de xeito profesional, acadando un volume significativo entre as cooperativas Almoga, Rubigal, A Carqueixa, Aira, Lemos, Clun, Artesáns Gandeiros, entre outras, e beneficiando aos conxunto da produción do sector.

As cooperativas destacan en volume de socios e socias produtoras de Ternera Gallega Suprema e, á vez, Ternera Gallega Suprema de Rubia Galega. O compromiso coa produción e a IXP Ternera Gallega é categórico, así como o compromiso de promoción da raza Rubia Galega, xa que é algo noso, dos galegos, que debemos poñer en valor en beneficio de todos os gandeiros da IXP. Neste senso, os representantes elixidos defenderán unha diferenciación para os animais de IXP, poñendo en valor a diversidade produtiva no vacún de Galicia.

0.13901281356812