As deficiencias eléctricas na futura residencia de maiores de Lugo impiden a súa apertura, según o Concello
Os servizos eléctricos do Concello de Lugo emitirán un informe despois das distintas revisións realizadas na contorna do CIS da Residencia e da futura residencia de maiores, amosando as distintas deficiencias atopadas nas instalacións. O servizo municipal elaborará un informe que será avaliado no futuro nunha reunión técnica entre ambas administracións. O persoal técnico do Concello de Lugo atopou ata 30 deficiencias na instalación, incumprindo a normativa do Concello de Lugo, que poden afectar á seguridade da instalación e da veciñanza.
Os fallos detectados na instalación eléctrica súmanse aos xa detectados que impiden a apertura das instalacións da nova residencia. Entre as deficiencias atopadas, destaca a falta de medios para a extinción de fogos de orixe eléctrica, a ausencia de protector de sobretensións ou o uso de cables dunha sección inferior á esixida para este tipo de instalacións. Ademais, hai partes da canalización onde de non se respectan as profundidades mínimas dos tubos, e tramos de canalización ao nivel do terreo.
Na revisión detectáronse conexión da liña xeral de terra deficientes, e as medicións do illamento dos condutores dun dos circuítos eléctricos da instalación deron valores moi inferiores aos mínimos esixidos. O persoal técnico municipal non puido comprobar aínda o correcto funcionamento desta instalación, ao non estar instalada aínda a acometida e o equipo de medida. Ademais, non se puido comprobar a totalidade da canalización dado que algunhas arquetas xa están recubertas.
O PP sinala que o que está pasando coa apertura da residencia de maiores é un exemplo máis da actitude inaceptable do goberno local. “Lamentamos que os retrasos provocados polo Concello de Lugo estean privando a 120 familias de desfrutar dun servizo moi necesario”, lamentan. E aseguran que “calquera concello do mundo daría facilidades para a apertura dun servizo tan necesario e tan importante para a cidade”. Porén, “o Concello de Lugo non puxo nin un euro para esta infraestrutura e agora están poñendo todo o seu empeño en dilatar a súa apertura”.