As denuncias por violencia machista descende nun 8,3 % en Galicia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Entre xullo e setembro de 2019, antes da pandemia, presentáronse 1.680 denuncias, case as mesmas que no mesmo período deste ano.
violencia xenero
20 Dec 2021

Entre xullo e setembro de 2019, antes da pandemia, presentáronse 1.680 denuncias, case as mesmas que no mesmo período deste ano. No terceiro trimestre solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller e os de garda 547 ordes de protección, das que se concederon o 67 %.

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre do ano 1.620 denuncias por violencia de xénero, un 8,3 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.767. A gran maioría das denuncias (1.325) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Descendeu tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2020 contabilizáronse 1.764, fronte ás 1.597 deste ano nas mesmas datas, o que supón unha diminución do 9,5 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) situouse en Galicia en 11,4, a segunda máis baixa do Estado —cuxa media foi de 18,2—, só por detrás de Navarra (10,7).

Se a comparativa a realizamos co terceiro trimestre de 2019, as denuncias sitúanse en niveis similares e aumentan as vítimas. O ano previo á pandemia, entre xullo e setembro, presentáronse 1.680 denuncias, practicamente as mesmas que este ano, e contabilizáronse 1.499 vítimas, un 6,5 % menos.

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron 478 sentenzas entre xullo e setembro de 2021, unha máis que no terceiro trimestre de 2020, cando emitiron 477. O 81,4 % do total das resolucións foron condenatorias.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenden un 64 % os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. No terceiro trimestre de 2021 optaron por esta opción 131 mulleres, fronte ás 364 que o fixeron no mesmo período de 2020.

Durante o terceiro trimestre deste ano solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller e os xulgados de garda 547 ordes de protección, un 21 % menos que hai un ano, cando se demandaron 692. Delas, foron acordadas 367 (o 67 %), fronte ás 426 do mesmo trimestre de 2020. Desas 367 ordes de protección, 296 foron solicitadas ante os xulgados de violencia sobre a muller.

Ademais, entre xullo e setembro de 2021 os xulgados de menores axuizaron dúas persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano pasado no mesmo período non foi xulgado ningún menor por procesos de violencia de xénero.

0.15919804573059