As direccións da UNED de Lugo e Ourense abren unha vía de colaboración para impulsar novas iniciativas formativas

LugoXa | OurenseXa
Ana Belén Traseira e Jesús Manuel García mantiveron un encontro na capital lucense para avanzar en proxectos conxuntos que beneficien á sociedade e ao territorio
UNED-Lugo-e-Ourense
5 Nov 2025

A directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, e o director da UNED de Ourense, Jesús Manuel García Díaz, mantiveron unha reunión de traballo na cidade da Muralla co obxectivo de explorar novas liñas de cooperación entre ambos centros universitarios. Os responsables destacaron que os dous territorios comparten características sociais e xeográficas que poden abordarse mediante iniciativas comúns orientadas a fortalecer o desenvolvemento do territorio a través do coñecemento.

Durante o encontro, Traseira e García amosaron unha sintonía total e acordaron comezar a traballar en propostas formativas compartidas. O director ourensán salientou que “ambos centros temos unha carga de traballo importante, polo que cómpre avanzar con paso firme e seguro nas accións que impulsemos en conxunto”. Pola súa banda, Traseira expresou a súa satisfacción por esta alianza, asegurando sentirse “moi ilusionada con esta colaboración”, e apuntou que “os centros debemos potenciar estas sinerxías en beneficio da cidadanía e do desenvolvemento territorial”.

Ambos responsables valoraron o potencial da estrutura tecnolóxica da UNED, que permite ofrecer actividades culturais e cursos de extensión universitaria en calquera punto da xeografía grazas á súa ampla capacidade dixital. García subliñou que esta infraestrutura “é unha vantaxe de valor incalculable, indispensable para levar formación a un público tan disperso”.

A reunión concluíu cun compromiso firme para seguir avanzando de maneira coordinada en proxectos que contribúan ao progreso social e cultural das provincias de Lugo e Ourense, aproveitando as posibilidades que ofrece o modelo educativo da UNED.

⚙ Configurar cookies
0.069545984268188