As educadoras da Escola Infantil Gregorio Sanz denuncian "unha situación insostible"

LugoXa
Esixen a cobertura inmediata da vacante existente, lembrando que, por orde de chamamento, "esta praza non lle corresponde á persoa que xerou conflito"
Gardería-Gregorio-Sánz-Lugo
28 Apr 2025

As educadoras da Escola Infantil Gregorio Sanz denuncian "unha situación insostible": a falta de cobertura dunha vacante clave no centro, "cuxa ausencia está a provocar unha sobrecarga inasumible de traballo e afectando gravemente á nosa saúde física e emocional", explican.

Ademais, din que esta situación súmase un feito aínda máis grave: a reincorporación dunha traballadora que previamente denunciou a todas as compañeiras, xerando un clima de tensión, desconfianza e inseguridade laboral "que fai imposible desenvolver o noso labor educativo coa serenidade e o respecto que os nosos nenos e nenas merecen".

Dende o inicio do curso, a falta de resposta por parte das administracións responsables "evidencia unha deixadez absoluta de funcións e unha alarmante falta de sensibilidade e compromiso co benestar das traballadoras e, por extensión, co dos nenos e nenas usuarios do centro. Esta actitude de abandono institucional pon en grave risco a calidade da atención educativa que reciben os máis pequenos, vulnerando o seu dereito fundamental a ser coidados e educados en condicións dignas e seguras", aseguran.

Así, conclúen que se senten "completamente abandonadas, desprotexidas e ninguneadas por uns responsables políticos que ignoran as nosas reiteradas peticións de solución. Non se pode seguir apelando ao interese do menor mentres se despreza a saúde mental e física das educadoras que, día a día, coidamos e educamos con profesionalidade e vocación".

Por todo isto, esixen a cobertura inmediata da vacante existente, lembrando que, por orde de chamamento, "esta praza non lle corresponde á persoa que xerou conflito"; e unha solución urxente á reincorporación dunha traballadora que mantén aberto un expediente disciplinario e cuxa presenza está a sementar un ambiente insostible no equipo.

⚙ Configurar cookies
0.31369280815125