As escaleiras da rúa Santiago convértense nun novo espazo de arte urbano en Lugo

LugoXa
O mural, obra de Diego As, Muro Mola e Van Kraft, achega cor e atractivo turístico a este paso peonil fronte ao colexio das Pepas
-arte-urbano-nas-escaleiras-da-rúa-Santiago-Lugo
12 Aug 2025

As escaleiras da rúa Santiago, que conectan coa rúa Cidade de Viveiro, estrean unha nova intervención artística que transforma por completo este paso entre rúas, converténdoo nun referente do uso do arte urbano para recuperar e humanizar espazos públicos.

Así o destacou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen visitou a zona acompañado polo concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, para comprobar a evolución do mural que ultiman os artistas Diego As, Muro Mola e Van Kraft.

Situada fronte ao colexio das Pepas, a escalinata deixa atrás o seu aspecto sombrío para encherse de cor tanto nas paredes como no chan. Precisamente, o tratamento do chan é un dos elementos distintivos desta obra, xa que se empregaron materiais especiais que evitan o seu deterioro e unha pintura antiescorregadiza adaptada ao uso peonil.

O alcalde subliñou que esta actuación segue a liña do programa municipal Urban Cores e está chamada a converterse nun novo atractivo turístico e artístico, ao igual que outros murais promovidos desde a área de Xuventude. “Estas creacións non só embelecen a cidade, senón que tamén transforman estes lugares en puntos de interese e orgullo para a veciñanza”, indicou Fernández.

Pola súa banda, o edil de Xuventude, Jorge Bustos, incidiu en que este tipo de intervencións fomentan o coidado do espazo público, xa que as zonas renovadas e embelecidas tenden a ser máis respectadas, como ocorreu con actuacións anteriores na rúa Esquecemento, nas casas sindicais ou en Fingoi.

⚙ Configurar cookies
0.19154095649719