As escolas de arte superiores Pablo Picasso (A Coruña) e Ramón Falcón (Lugo) impartirán catro ciclos plurilingües o vindeiro curso

LugoXa | ACoruñaXa
Desenvolveranse en inglés os ciclos de grao medio en Serigrafía artística e de grao superior en Dourado, Prateado e Policromía, en Ilustración e en Fotografía
Imaxe da Escola de Arte e Superior de Desñeo Pablo Picasso da Coruña
8 Ago 2024

O vindeiro curso académico, as escolas de Arte e superiores de Deseño Pablo Picasso de A Coruña e Ramón Falcón de Lugo ofrecerán catro ciclos formativos na modalidade plurilingüe. A resolución do PluriArt publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia confirma esta iniciativa pioneira, que busca promover o plurilingüismo nas ensinanzas artísticas profesionais de artes plásticas e deseño en Galicia.

En concreto, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP autorizou a impartición en inglés dos ciclos formativos de grao superior en Dourado, Prateado e Policromía e en Ilustración na escola Pablo Picasso de A Coruña. Pola súa banda, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo ofrecerá en inglés os ciclos de grao medio en Serigrafía artística e de grao superior en Fotografía.

Ademais, o Diario Oficial de Galicia tamén publica a prórroga das seccións bilingües en varios conservatorios profesionais de música. Así, mantéñense durante dous anos máis as seccións en lingua inglesa nos conservatorios da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, así como no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Tamén se prorrogou por outro bienio a sección bilingüe en alemán na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso.

Esta medida forma parte da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que ten como obxectivo consolidar e expandir os programas de plurilingüismo nas ensinanzas de réxime especial en Galicia.

0.14157605171204