As escolas infantís municipais de Lugo inician o curso 2025-2026 o 3 de setembro

LugoXa
As familias están convocadas a unha reunión previa o día 2 para abordar o inicio da actividade educativa
volta-ao-cole-Lugo
1 Sep 2025

O vindeiro 3 de setembro comezará o curso escolar 2025-2026 nas escolas infantís municipais do Concello de Lugo. As familias con praza adxudicada nalgunha das catro escolas están chamadas a participar nunha reunión previa o día 2, a partir das 19:00 horas, na que se tratarán cuestións relacionadas co comezo da actividade.

As escolas infantís municipais de Lugo ofrecen un servizo integral de carácter social e educativo que abrangue todas as áreas do desenvolvemento temperán, como a aprendizaxe, a motricidade, o control corporal, a comunicación e a linguaxe, así como a convivencia, a relación social e a descuberta do contorno máis próximo.

Este labor desenvólvese mediante unha colaboración constante entre o ámbito escolar, as familias e o medio no que se sitúan os centros. Ademais, inclúe a atención asistencial necesaria, desde a hixiene e a limpeza ata a manutención, o cambio de roupa e o coidado da saúde dos menores.

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, destacou que o Concello destina cada ano máis de 1,5 millóns de euros ao mantemento destas escolas.

“Desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galicia”, subliñou, engadindo que “seguiremos a realizar un importante esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas”.

⚙ Configurar cookies
0.19051694869995