As Faíscas Culturais prenden a reflexión nas aulas de Lugo
Co título ‘Escoitar-se antes de actuar’ dá comezo este venres 26, ás 11.00 horas na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria, unha nova Faísca Cultural, unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.
Na faísca 'Escoitar-se antes de actuar', da Facultade de Formación do Profesorado, traballarase a escoita en escena, para escoitar ao compañeiro e para escoitarse a un mesmo, que é o máis importante para non deixarse levar por impulsos incontrolados e caóticos. Faranse diversos exercicios, onde o corpo e o espazo serán o centro do traballo para preparar unha escoita honesta.
O relator desta faísca será Bal Castro, quen comezou a súa andaina no mundo das artes co grupo de teatro xuvenil de Lugo 'Os Palimoquiños'. Formou parte da Compañía Teatral USC Lugo coas obras 'Paz Perpetua' e 'O Público'. Descobre que o corpo é o principal motor da súa expresión artística, polo que se forma en interpretación xestual na ESAD de Galicia. Complementa a súa formación en danza contemporánea da man de profesionais como Olga Cameselle, Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez, e actualmente atópase na cidade de Porto poñendo a proba o seu corpo e a súa creatividade con diversos artistas internacionais na formación anual de Oficina Zero.
Por outra parte, Bal Castro forma parte da compañía de teatro físico Mevadeus, coa que gaña o primeiro premio na categoría de teatro do Xuventude Crea 2021 coa peza 'Agro 5G'. No 2022 estrean 'Outrora Nós' e actualmente a compañía atopase nun proceso de investigación escénico chamado 'Transparentar', o cal xurdiu das Residencias Paraíso 2023. Ademais, forma parte do elenco da compañía Kirenia Danza nos espectáculos 'Primeiro a Vida!' e 'Afectos'. No ano 2022 traballa no proxecto europeo 'Antibullyng movement series erasmus' na cidade de Hildeshiem, Alemaña. Tamén participou na produción teatral do Centro Dramático Galego (CDG) 2020/2021 'Serva me, Servabote'.