As familias afectadas pola falta de pediatras continuarán coas mobilizacións

LugoXa | TerraChaXa
Veciños e veciñas dos concellos de Outeiro de Rei, Cospeito e Castro de Rei saíron á rúa para demandar especialistas
concentracion-pediatras-cospeito
11 Nov 2024

As familias afectadas pola falta de pediatra aseguran que continuarán coas concentracións debido á falta de especialistas para atender aos pequenos dos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito. "Non cansaremos de repetir que esta é unha situación insostible que non garante o dereito á saúde das nosas crianzas, cando un profesional pediátrico se ausenta a súa praza non se cobre de maneira axeitada, e, cando se fai, moitas veces faixe con profesionais que non contan coa cualificación necesaria para cubrir dito posto", explican.

Iria Anllo, en representación das familias de Cospeito di: “Estamos fartas de que as administracións nos dean as costas, de escoitar promesas baleiras que nunca chegan a facerse realidade. Somos xente do rural, e temos claro que non importa o que digan, senón o que fan. E o que fan, lamentablemente, é abandonarnos”.

Afirman que como familias, temos o deber de protexer os dereitos das crianzas, de subliñar a importancia de que medren cunha educación e unha sanidade pública dignas. "Merecemos ser oídos, non somos poucos, somos tres concellos cunha poboación aproximada de 15.000 persoas e con algo máis de 1300 cartillas de pediatría e estamos dispostas a chegar ata onde sexa necesario", conclúen.

"En nome dun futuro esperanzador para as nosas crianzas e para as xeracións que veñen, non deixaremos de loitar pola sanidade pública que merecemos e para acadar tal fin seguiremos convocando todo tipo de mobilizacións", indican.

0.18288612365723