As familias numerosas terán bonificacións nas autoestradas autonómicas
Os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno
As familias numerosas galegas xa poden rexistrarse na páxina web da concesionaria das autoestradas autonómicas para beneficiarse das bonificacións que entrarán en vigor a vindeira semana.
A unidade familiar, que deberá estar en posesión dun título de familia numerosa en vigor, deberá cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria: www.autoestradas.com.
Trátase da bonificación do 100% da viaxe de volta ás familias numerosas nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57).
Descontos das peaxes para as familias numerosas
Cómpre lembrar que as familias en posesión dun título de familia numerosa en vigor xa poden cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria para beneficiarse das bonificacións.
Os novos descontos permitirán que unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 pague só 2,55 €, fronte aos 5,10 € actuais, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis. No caso dunha familia que realice o itinerario entre Vigo e Baiona, só terá que abonar 1,70 €, fronte ao importe ordinario de 3,40 € de ida e volta, ao acollerse á bonificación por familia numerosa.
As bonificacións son acumulativas, polo que as familias numerosas poderán engadirlle a esta bonificación os descontos do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, unha familia que se desprace ás 5:30 horas da madrugada para acudir ao traballo e regrese ás 17:00 horas, poderá optar á bonificación do 50% da ida por horario nocturno e do 100% da volta.
Para beneficiarse destes descontos, é necesario que o mesmo vehículo sexa obxecto do pagamento do traxecto de ida e volta nun prazo máximo de 24 horas desde o abono da viaxe de ida. O coche deberá utilizar como método de pagamento un sistema de peaxe dinámico ou telepeaxe, con OBE.
O sistema vinculará cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.
A activación desta nova bonificación leva aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e lectura da matrícula asociada á familia.
Extensión do desconto para usuarios recorrentes
Por outra parte, tamén entrará en vigor este martes a ampliación do actual desconto do 25% da volta, e do 50% na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.
Con esta modificación, esténdese ás 24 horas despois do traxecto de ida o desconto do 25% da viaxe de volta, e do 50% na segunda viaxe de volta, reforzando así o actual período de bonificación que establecía ata agora que a volta debía realizarse no mesmo día natural que a ida, favorecendo especialmente ás persoas que se desprazan polas autoestradas de titularidade autonómica para acceder aos servizos públicos ou acceder ao seu lugar de traballo, como o caso dos sanitarios.
As autoestradas de titularidade autonómica xa son das máis baratas de España e nelas vénse aplicando desde o ano 2010 nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, que se incrementa nun 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do Vía-T.
Estes incentivos súmanse á bonificación do 50% da peaxe en horario nocturno, que se aplica desde o 1 de outubro de 2019. Este desconto está dispoñible para todo tipo de vehículos de luns a domingo, entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.