O Concello licitará o arranxo das máis de 200 deficiencias coas que foi entregado o Auditorio
O proxecto para proceder ao arranxo das deficiencias que presenta o novo Auditorio de Magoi poderá saír a licitación antes de que finalice o ano. Así o anunciou o Concello, que decidiu suspender o contrato coa empresa adxudicataria anterior debido ás continuadas demoras nas que incorría á hora de incorporar as consideracións dos técnicos municipais ao respecto das solucións máis acaídas para emendar as máis de 200 eivas coas que foi entregado o inmoble.
Nestes momentos o proxecto se atopa case finalizado. O obxectivo do Concello é poder abrir o procedemento de contratación dos traballos antes de que remate o 2021 para que as obras estean executadas antes do próximo verán.
A maioría dos problemas detectados son froito, segundo os informes técnicos, tanto de problemas construtivos como da falta de mantemento que padeceu a dotación dende que rematou a obra. Atinxen a cuestións relacionadas fundamentalmente coa aparición de filtracións, defectos de relevancia nos sistemas de protección contra incendios e mesmo nas instalacións.