As máis de 4000 sinaturas do Lugo quere tren! chegan a Madrid
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o responsable local do BNG en Lugo, Felipe Rivas, entregaron hoxe en Madrid as sinaturas recollidas na campaña Lugo quere tren organizada pola frente nacionalista. A organización nacionalista reclama poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios e rematar con anos de recortes e eliminación de conexións e frecuencias para que Lugo e Galiza teñan un servizos dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos.
Representantes do BNG na localidade de Lugo desprazáronse até Madrid para entregar as máis de 4.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza durante a campaña “Lugo quere tren” para reclamar melloras ferroviarias. Segundo explica o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, Lugo é unha cidade “que está quedando totamente illada do resto da Galiza e do conxunto do Estado”. Para Arroxo, o que se está a facer cando se fala de AVE é retirar e eliminar as poucas conexións e frecuencias que tiña a capital luguesa, paralelamente ao desmantelamento deste servizo con outros factores engadidos como a supresión de liña por mor do confinamento e a pandemia.
Arroxo anuncia que o BNG seguirá traballando en Lugo para conseguir que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana atenda as demandas da veciñanza luguesa. A organización nacionalista defende que a cidade de Lugo “teña algo que merece por dereito” e que a día de hoxe non ten mentres o resto de cidades galegas si.
Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou as numerosas iniciativas rexistradas na cámara baixa ao longo desta lexislatura para lograr unha mellora das infraestruturas e os servizos ferroviarios na Galiza. “Cremos que Lugo é un caso paradigmático do desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza e da pouca importancia que se lle da” recrimina o deputado da frente nacionalista.
“O traballo do BNG no Congreso a través destas iniciativas e a incorporación destas demandas no Acordo de Investidura están facendo que algunhas actuacións se empecen a mover como, por exemplo, a mellora e electrificación da vía entre Lugo e Ourense” sinala Rego. Mais, o deputado nacionalista entende que estas actuacións e o ritmo do Goberno en levalas a cabo “é insuficiente”.
Rego defende a mellora e electrificación da vía entre Lugo e A Coruña, dotar dos servizos e das frecuencias necesarias as conexións de Lugo con Ourense, A Coruña e co resto da rede ferroviaria do País. “Hai que estudar moi seriamente a conexión ferroviaria que conecta Lugo con santiago de Compostela, a capital da Galiza, porque é sorprendente que a estas alturas haxa dúas cidades galegas que aínda non teñen conexión ferroviaria” demanda.
“Seguiremos insisitindo a través de iniciativas institucionais e con mobilización social para que as autoridades responsábeis – o Goberno Español, o Ministerio de Transportes, ADIF e Renfe- actúen e sexan conscientes de que isto é unha demanda social moi potente e teñen que atendela” conclúe Rego.