As “Maletas Viaxeiras” chegan á Casa da Muller de Lugo

O Concello de Lugo recibiu as “Maletas Viaxeiras”, unha iniciativa que busca fomentar o espírito feminista e crítico a través da literatura. O alcalde, Miguel Fernández, acompañado da concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, recolleu esta mañá as dúas maletas de mans da subdelegada do Goberno, Olimpia López, para trasladalas á biblioteca da Casa da Muller, onde permanecerán a disposición da cidadanía durante varios meses.
O rexedor puxo en valor este proxecto “coa intención de fomentar a educación igualitaria e loitar contra o conformismo e as violencias machistas, a través dunha literatura que remova conciencias e fomente o pensamento crítico entre a mocidade”. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Olimpia López, subliñou que o obxectivo é que a MAVI “sexan espazos de encontro, reflexión e diálogo, especialmente entre a mocidade, para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias”.
As dúas maletas viaxeiras conteñen un total de 24 libros, doce de literatura infantil e outros doce para persoas adultas, que abordan temas como o maltrato, o matriarcado, a maternidade, os roles de xénero, o empoderamento feminino e a ciberviolencia. A edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, destacou que “a educación debe ser unha ferramenta esencial para avanzar cara á igualdade real e para inculcar valores feministas entre a xuventude”.
Entre os títulos que forman parte destas maletas atópanse obras de autoras como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Elena Favilli, Nuria Varela, Raquel Riba Rossy, Pamela Palenciano, Rebecca Solnit, Laura Freixas, Montse Fajardo e María Oruña. Ademais, inclúense libros contemporáneos de escritoras como Laura Nuño, Beatriz Ranea Treviño, Carme Valls Llobet, Najat el Hachmi, María Sánchez e Amelia Tiganus, que tratan temas de actualidade como a ciberviolencia, os ventres de aluguer, a prostitución, os estereotipos no mundo rural e a superación persoal.
Entre as obras destacan Insolación, La mujer del porvenir, Desarmar la masculinidad, Maternidades S.A., El bosque de los cuatro vientos, Mujeres invisibles para la medicina, El lunes nos querrán, La revuelta de las putas, La tierra de las mujeres, El color púrpura, A historia dos bonobos con lentes, Yo voy conmigo, Los hombres me explican cosas, Mentiras para ser una mujer de verdad, Si es amor, no duele, El futuro es femenino, Lola Vendetta. Una habitación propia con wifi, A mí no me iba a pasar, Matriarcas. Mulleres en pé de vida, Invisibles: Relatos del maltrato, Feminismo para principiantes e Voces que cuentan.