As Medallas de Ouro do Concello xa teñen candidatos

LugoXa
A alcaldesa vén de propoñer á Corporación Municipal os candidatos para outorgar as Medallas de Ouro deste 2022
medallas ouro lugo premios heros pandemia
16 Nov 2022

A Medalla de Ouro é a máxima distinción que o Concello de Lugo concede a entidades ou á cidadanía e a alcaldesa vén de propoñer á Corporación Municipal outorgar as Medallas de Ouro deste 2022 á figura de Darío Xohán Cabana, Auxilia, á Sociedade Filarmónica, á Escola Ramón Falcón e ao Campus Terra.

O regulamento fixa que “deben recibir este galardón persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios, o que así se pode considerar tanto na figura do escritor lucense como no caso destas entidades e colectivos cuxo compromiso para con Lugo e os e as lucenses leva sendo unha constante dende o inicio da súa traxectoria”, sinalou a rexedora.

Méndez comunicaba a relación dos cinco galardoados ao resto de forzas da Corporación no transcurso dunha Xunta de Portavoces  na que obtivo o respaldo unánime de todos os grupos para levala ao vindeiro Pleno do mes de novembro. A alcaldesa quixo poñer en valor, primeiramente, a fonda pegada deixada por Xohán Cabana ao que recoñeceu como unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas.

O académico e autor de máis de 40 títulos literarios, falecía en novembro de 2021 aos 69 anos de idade, deixando enormes afectos no Concello, “onde traballou durante décadas como funcionario da área de Cultura dende a que realizou un encomiable labor”.

“O seu pasamento foi unha perda irreparable como excelente compañeiro que era e tamén polo espírito loitador que o definía, na defensa da lingua e da identidade cultural do país”, engadiu a rexedora que relatou algúns dos premios dos que foi meritoria a obra de Darío Xohán Cabana como o Xerais de novela, o Barco de Vapor, o Cidade de Lugo ou o Martín Códax entre outros que amosan a sólida traxectoria en poesía, narrativa e tradución do autor de Roás (Cospeito).

Lara Méndez fixo tamén referencia a Auxilia, que este ano celebra o seu 50 aniversario. “Medio século no que esta asociación mellorou a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e revindicou a transformación urbanística e social da nosa cidade, na procura dun Lugo integrador que non descansa na tarefa de acadar unhainclusión plena, en colaboración co Concello pero tamén impulsando accións de sensibiliación de maneira constante”, subliñou, ao tempo que lembrou algúns dos recoñecementos acadados nesta materia, froito dese traballo, como o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade (2007), a Distinción de Destino Turístico Accesible de España (2015), a Mención Especial nos Premios Europeos de Accesibilidade-Access City Award (2016) ou a Declaración como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica (2019).

Méndez dignificou tamén a andaina da Sociedade Filarmónica de Lugo, “que suma xa 75 anos programando concertos e difundindo a música no noso municipio como un referente cultural”, así como os 50 que a Escola Ramón Falcón cumpriu antes da pandemia (pero que, por mor da mesma, está a conmemorar agora) da que destacou “a súa notable contribución á conservación e cultivo das artes aplicadas na nosa provincia, chamada – xa dende os seus orixes – a colaborar no desenvolvemento económico e no crecemento da cidade e incrementando o noso atractivo como polo educativo e dinamizador social”.

A este respecto, a alcaldesa lucense eloxiou igualmente ao Campus Terra, sendo o primeiro de toda Galicia en recibir a acreditación como campus especializado de maneira completa “o que o sitúa – sostivo – en todo un referente nos eidos do coñecemento e a investigación pero tamén como un impulsor de valiosas sinerxías entre os ámbitos público e privado”.

Unha institución que o propio U-Ránking 2020 das universidades españolas recoñece como unha das mellores opcións para cursar estudos de grao en España “o que nos fai sentir moi orgullosos do gran potencial e de todo o talento que posuímos”, engadiu a rexedora que, así mesmo, fixo fincapé na aposta compartida por ambos os dous organismos dos valores nos que reside o modelo de cidade e a segunda gran transformación que está a experimentar Lugo, tomando como principal fundamento a sostibilidade tanto económica, como social e medioambiental dos nosos recursos”.

As Medallas de Ouro do Concello se entregarán nunha cerimonia que terá lugar o próximo mércores, 30 de novembro, no MIHL. Unha xornada “tremendamente simbólica para a cidade” na que tamén se conmemora o XXII aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

0.19784903526306