As melloras no abastecemento de auga de Palas de Rei reforzan o servizo no casco urbano

LugoXa
A actuación supuxo un investimento de preto de 100.000 euros e beneficia directamente a arredor dun milleiro de veciños
Abastecemento-Palas-de-Rei
31 Jan 2026

As infraestruturas de abastecemento de auga do Concello de Palas de Rei veñen de ser obxecto dunha actuación de mellora e ampliación que permitiu reforzar a traída municipal, incrementar a presión da rede e garantir un mellor servizo tanto á veciñanza como aos establecementos turísticos da vila, especialmente durante os meses de verán e nos períodos de maior afluencia de peregrinos. Os traballos supuxeron un investimento próximo aos 100.000 euros e benefician de xeito directo a preto dun milleiro de persoas residentes no casco urbano.

A intervención principal centrouse na mellora do depósito de auga da Revolta e na súa conexión coa rede de abastecemento da vila. A actuación incluíu o acondicionamento do propio depósito, a instalación de dous contedores e a colocación de 580 metros de tubaxe na rede de distribución, o que permite optimizar o funcionamento do sistema e garantir unha maior capacidade de subministración.

Xunto a esta obra principal, tamén se executaron outras actuacións puntuais noutros puntos da rede, como a instalación de válvulas de comporta para regular o caudal no camiño do Lavadoiro, nas rúas Couceiro e da Paz e na travesía da Feira, así como a realización de dous entronques entre a nova rede de abastecemento e a existente na avenida de Lugo.

As obras foron visitadas pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen explicou que estas actuacións non só melloran o servizo diario á poboación, senón que tamén reforzan unha infraestrutura clave para o desenvolvemento económico e turístico de Palas de Rei.

Durante a visita, a conselleira lembrou que os traballos se enmarcan nun convenio de colaboración asinado en maio do ano pasado entre a Consellería e o Goberno municipal, no que Augas de Galicia achegou apoio técnico e financiamento mentres que a Administración local se encargou da execución da obra.

⚙ Configurar cookies
0.079400062561035