As Mercedes impulsa unha unidade móbil de drons para apoiar a Protección Civil en emerxencias

O Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes presentou un proxecto tecnolóxico pioneiro consistente nunha unidade móbil equipada con drons destinada a apoiar as intervencións da Protección Civil en situacións de emerxencia, combinando innovación aplicada, formación técnica e servizo á sociedade.
A iniciativa desenvolveuse a partir da cesión dunha furgoneta por parte do Concello de Lugo, que foi adaptada como centro operativo móbil no marco das accións formativas e de innovación do centro, dependente da Xunta de Galicia. No proxecto participou activamente tanto o profesorado, encargado da coordinación técnica, como o alumnado de distintas familias profesionais, que interveu en todas as fases do proceso adquirindo experiencia práctica.
Entre as áreas implicadas destacan os ciclos de Aeromecánica, responsables da montaxe, mantemento e verificación dos sistemas aéreos non tripulados; de Eficiencia Enerxética, que desenvolveron os sistemas de alimentación; e de Emerxencias e Protección Civil, que definiron os protocolos de actuación e analizaron escenarios reais.
A unidade está deseñada como un centro operativo avanzado, con capacidade para actuar en incendios forestais, busca de persoas desaparecidas, avaliación de riscos ou control de eventos, mellorando a coordinación e a capacidade de resposta en intervencións complexas.
Foron concretamente os estudantes do curso especializado en Aeronaves Pilotadas de Forma Remota os encargados de adaptar o vehículo, integrando sistemas de drons e cámaras infravermellas que permiten o acceso en tempo real ás imaxes e reforzan a eficacia nas actuacións de emerxencia.
O director do CIFP As Mercedes, Joaquín Expósito, puxo en valor o carácter innovador da iniciativa e destacou a implicación conxunta do profesorado, do alumnado e do persoal da área de Protección Civil do Concello. Pola súa banda, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, salientou que este proxecto exemplifica a transferencia de coñecemento á vida real e a importancia da colaboración institucional, reforzando ademais os vínculos co contorno socioeconómico.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, incidiu na relevancia desta colaboración para avanzar no uso de novas tecnoloxías ao servizo da seguridade cidadá e mellorar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.