As Mulleres Empresarias entregan os seus premios na gala Son Muller

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo celebrou este venres a gala de entrega dos Premios Son Muller 2024.
Desde o ano 2018, os Premios Son Muller son unha cita imprescindible para recoñecer e visibilizar o papel fundamental das mulleres profesionais no desenvolvemento económico e social de Lugo. A través de tres categorías -Empresaria, Empresaria Rural e Emprendedora–destacan historias de superación, innovación e compromiso que enriquecen o tecido empresarial da provincia.
Anjhara Gómez, presidenta da entidade, “destacou a dedicación das mulleres lucenses ao mundo empresarial e fixo incidencia no traballo, en ocasións pouco visibilizado, que xoga un papel fundamental no desenvolvemento económico do territorio”.
En cada unha das categorías outorgáronse dous galardóns. Un primeiro premio, dotado con 1000 euros; e, un segundo premio, de 500 euros. Ambos, cun ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado por unha artesá lucense e deseñado especialmente para o premio.
O premio da categoría Son Emprendedora foi para Carmen Rojas, de Tapicería Artesanal Hermanos Rojas, mentres que no de Son Empresaria impúxose Shirley Rodríguez, de Pacific Soul Tattoo. No último premio, Son Empresaria Rural, a gañadora foi Laura Vallejo.
Os Premios Son Muller son posibles gracias ao esforzo e organización do traballo que AELU pon en marcha cada ano e ao apoio e finanzamento de catro institucións: a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e Abanca.
Estes recoñecementos representan un apoio económico e son un impulso moral e unha oportunidade para que as mulleres profesionais sexan referentes no ámbito empresarial. O fallo do xurado da VII edición dos Premios Son Muller, que tivo lugar o 4 de decembro "foi complexo de dirimir pola calidade dos proxectos presentados", explicaron os organizadores.