As Mulleres Rurais de Pol programan novos cursos para o mes de marzo en Mosteiro

A asociación Mulleres Rurais Olvido de Pol porá en marcha no mes de marzo unha nova programación formativa que inclúe cursos de gancho e calceta, restauración de mobles e cociña, ampliando así a súa oferta de actividades para as socias e o público en xeral.
O curso de gancho e calceta comezará o 4 de marzo e impartirase os mércores en horario de 16:00 a 19:00 horas na Biblioteca de Mosteiro. Estará a cargo de Marisa e terá un custo mensual de 25 euros para as socias e de 30 euros para as non socias.
Pola súa banda, o curso de restauración de mobles dará comezo o 5 de marzo. As sesións celebraranse os xoves e venres, tamén de 16:00 a 19:00 horas, no local de José Luis en Mosteiro, quen será o encargado de impartilo. O prezo mensual será de 25 euros para as socias e de 30 euros para as non socias.
A programación complétase cun curso de cociña que arrancará o 3 de marzo e terá lugar os martes de 17:00 a 20:00 horas. O seu custo será de 55 euros ao mes para as socias e de 60 euros para as non socias. Para que esta actividade poida levarse a cabo será necesario contar cun mínimo de dez persoas inscritas.
Ademais, a asociación anunciou a organización dun cocido, cuxa data concreta se dará a coñecer proximamente.
Dende a organización lembra que seguirán con clases de yoga os luns e pilates os xoves.
As persoas interesadas en inscribirse poden contactar con calquera membro da directiva, chamar ao teléfono da asociación 633 378 590 ou poñerse en contacto directamente con Mercedes no 666 230 570 ou con Rosa no 616 129 825. A entidade anima tamén á veciñanza a trasladar novas propostas ou suxestións para futuras actividades.