As Nogais afronta días sen servizo médico no seu centro de saúde, alerta o PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE de As Nogais denunciou a grave situación sanitaria que está a sufrir o municipio, que leva varios días sen contar con servizo médico no seu centro de saúde.
O voceiro socialista, Ismael Carcedo, sinalou que este problema repítese durante todo o verán, tal como xa acontecera o ano pasado, e advertiu de que “a sanidade galega está a abandonar a montaña, poñendo en risco a saúde da xente que vive no rural e, en especial, da veciñanza das Nogais”.
No último pleno municipal, celebrado o 31 de xullo, o grupo socialista preguntou ao equipo de goberno local se se puxeran en contacto coa Consellería de Sanidade para reclamar unha solución. A resposta foi que contactaran co responsable provincial en materia sanitaria e que o servizo se mantería no PAC de Becerreá. “Para nós isto non é unha resposta nin unha solución. As Nogais necesita asistencia médica no seu propio centro de saúde, como lle corresponde, e non depender sempre de Becerreá”, subliñou Carcedo.
Desde o propio centro médico, a veciñanza afronta unha absoluta falta de información. “Ou non contestan ao teléfono ou limítanse a dicir que non hai médico, sen especificar ata cando. Non hai ningún cartel que informe, e isto obriga á xente a desprazarse inutilmente, perdendo tempo moi valioso en caso de urxencias”, explicou o voceiro.
Os socialistas alertan de que estas deficiencias poden ter consecuencias moi graves. “Nun caso de infarto ou dunha urxencia vital, non é o mesmo acudir ao centro de saúde de As Nogais que ter que desprazarse directamente a Becerreá. Falamos de minutos que poden salvar vidas”.
O PSdeG-PSOE de As Nogais reclama á Xunta de Galicia que garanta de inmediato a cobertura médica no municipio e que habilite mecanismos de información claros e transparentes para a veciñanza, evitando que se repitan situacións que poñen en risco a saúde pública.