As Nogais homenaxea a tres veciños vítimas dos campos nazis

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e o Concello de As Nogais organizan unha homenaxe a tres veciños do municipio deportados e falecidos en campos nazis, coincidindo coa conmemoración do 27 de xaneiro, Día da Memoria das Vítimas do Holocausto. O acto servirá para lembrar a Octavio López Reymóndez, Balbino Santín Aira e Liberio Valín García, vítimas do campo de concentración de Mauthausen, mediante a colocación de placas de memoria stolpersteine nos lugares vinculados ás súas vidas.
A xornada central terá lugar o sábado 7 de febreiro e comezará ás 11 horas cunha charla informativa no salón de plenos do Concello de As Nogais, na que se abordará o contexto histórico da deportación e a importancia da recuperación da memoria democrática. Ás 12 horas celebrarase o acto institucional de homenaxe diante da Casa do Concello, no que se procederá á colocación das stolpersteine en lembranza dos tres homenaxeados.
No acto participarán o alcalde de As Nogais, Jesús Manuel Núñez; o voceiro da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, Miguel Freire; Isaac Santín, sobriño neto de Balbino Santín Aira; Marisol Castro, neta de Octavio López Reymóndez; un representante da familia de Liberio Valín García, así como o grupo musical Abrente, que acompañará musicalmente a homenaxe.
A xornada incluirá tamén unha interpretación musical a cargo dos netos e bisnetos de Octavio López Reymóndez, coñecidos como “A prole de Octavio”, formada por Aarón Ulloa, Raquel Santamaría, Antón, Carmen Ulloa, Aída Ulloa e Carlos de Santos, nun peche cargado de simbolismo e emoción.
Tras o acto institucional, ás 13:30 horas celebrarase un aperitivo de confraternidade no bar Delicias. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, realizarase unha ruta polos distintos lugares do concello nos que viviron Octavio López Reymóndez, Balbino Santín Aira e Liberio Valín García, co obxectivo de manter viva a súa memoria e reforzar o compromiso colectivo coa lembranza das vítimas do nazismo.