As Nogais rende homenaxe a tres veciños republicanos deportados a campos de concentración nazis

LugoXa
O acto, promovido pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), enmárcase na liña de homenaxes que a entidade está a desenvolver en distintos concellos da provincia
homenaxe-navia-vitimas-holocausto
8 Feb 2026

O Concello das Nogais acolleu un emotivo acto de homenaxe a tres veciños da localidade, republicanos deportados a campos de concentración nazis: Octavio López Raymóndez, Balbino Santín Aira e Liberio Valín García. O recoñecemento materializouse coa colocación de tres stolpersteine —pedras da memoria— fronte á casa consistorial, en presenza de familiares dos deportados.

O acto, promovido pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), enmárcase na liña de homenaxes que a entidade está a desenvolver en distintos concellos da provincia de Lugo para lembrar os republicanos lucenses vítimas da deportación nazi.

A xornada comezou no salón de plenos do Concello cunha intervención de benvida por parte do alcalde, Jesús Manuel Núñez. A continuación, o investigador Miguel Freire, experto na deportación lucense aos campos nazis, ofreceu unha charla explicativa sobre a historia destes republicanos, acompañada da proxección do vídeo Os últimos españois de Mauthausen.

Posteriormente, arredor do mediodía, os familiares foron convidados a deixar as súas mensaxes no libro de visitas do Concello. Deseguido, os asistentes trasladáronse ao exterior do edificio para continuar o acto institucional, nun percorrido acompañado pola interpretación do himno do antigo Reino de Galicia a cargo do grupo de gaitas Abrente, das Nogais.

Xa diante da fachada do Concello, o alcalde tomou de novo a palabra para agradecer a presenza das familias, destacar a súa perseveranza ao longo dos anos e subliñar a importancia de lembrar para non esquecer. A continuación, Miguel Freire volveu intervir para contextualizar a homenaxe, explicar quen eran os tres deportados e lembrar o significado do Día Internacional das Vítimas do Holocausto, conmemorado o pasado 27 de xaneiro.

No acto tamén tomaron a palabra varios familiares dos homenaxeados. Interveu Isaac Santín, sobriño neto de Balbino Santín Aira, desprazado desde Barcelona xunto con outros membros da súa familia; Marisol Castro, neta de Octavio López Raymóndez, que acudiu acompañada dun numeroso grupo de familiares; e, por último, Hugo Fernández, en representación da familia de Liberio Valín García, persoa moi vinculada ao Concello de As Nogais tanto a nivel cultural como familiar e integrante do grupo de recreación histórica Torre de Torres.

O acto rematou coa colocación das tres stolpersteine, entregadas por un familiar de cada deportado ao operario encargado da súa instalación. Como peche, os netos, bisnetos e tataranetos de Octavio López interpretaron varias pezas musicais, nun final cargado de emoción para unha xornada de memoria, recoñecemento e dignidade.

⚙ Configurar cookies
0.077992916107178