As obras artísticas de Sabela Eiriz e Carlota Pereiro poderán verse na CULTURGAL
A Galería NÉBOA de Lugo participará na próxima edición do CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro.
Este evento será unha oportunidade para descubrir unha coidada selección de obras de dúas destacadas artistas galegas: Carlota Pereiro, de Santiago de Compostela, e Sabela Eiriz, de Lugo.
Como parte da programación, o domingo 1 de decembro ás 17.00, no Espazo Arte do CULTURGAL, Sabela Eiriz presentará a actividade titulada 'A poética das imaxes a través da edición e da disposición no espazo expositivo'.
Durante a súa intervención, reflexionará sobre como a organización das pezas no espazo e o proceso de edición visual inflúen na interpretación e na carga emocional das súas obras. Eiriz explorará o papel da disposición e da lectura das obras na creación de narrativas que van máis alá da representación fotográfica, propoñendo un diálogo que invita á introspección e á contemplación do espectador.
Sabela Eiriz (Lugo, 1991) é unha artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, cunha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. No seu traballo, combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo, entrelazando experiencia, pensamento e emoción. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos.
Pola súa parte, Carlota Pereiro (Santiago de Compostela, 1988) é unha artista multidisciplinar que integra con fluidez e sensibilidade diversos medios artísticos. O seu traballo destaca polo uso vibrante da cor, que dota cada peza dunha identidade única e dunha intensa carga emocional. Movéndose entre o figurativo e o abstracto, crea un diálogo dinámico entre ambos estilos, facendo que a súa obra transcenda a observación pasiva. O enfoque de Pereiro fomenta unha conexión profunda e participativa co espectador, logrando experiencias que invitan á introspección e á interacción emocional.