As obras de peonalización de Ramon e Cajal destapan restos dun muro de orixe romana

LugoXa
Este venres no transcurso dos traballos de humanización e peonalización da rúa Ramón e Cajal enmarcadas no proxecto Corazón Verde, foron descubertos restos arqueolóxicos de orixe romana.
achado_romano_ramonycajal
16 Feb 2024

Este venres no transcurso dos traballos de humanización e peonalización da rúa Ramón e Cajal enmarcadas no proxecto Corazón Verde, foron descubertos restos arqueolóxicos de orixe romana. Trátase de varios tramos de muro de cachotería de lousa. Este achado, que estaba previsto debido a que son continuidade dos ámbitos escavados con anterioridade na mesma rúa, algún dos cales se identificaban con dous hipocaustos romanos, non afectan en absoluto ao desenvolvemento das obras, xa que os labores continuarán, baixo un estrito control arqueolóxico por outra zona desta vía mentres os técnicos proceden a limpalos, estudalos e ditaminar a súa relevancia arqueolóxica.

Neste sentido, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou o valor que este tipo de restos teñen para a cidade. “A aparición de restos arqueolóxicos deste tipo supón unha excelente noticia para Lugo. Os técnicos estudarán agora este material para dilucidar a súa relevancia. Como vimos demostrando con outras xoias romanas, como a Cloaca ou a Casa dos Mosaicos, a vontade do noso Executivo é traballar para documentar o noso patrimonio, xa que supón unha oportunidade para todas e todos os lucenses polas posibles repercusións culturais e dinamizadoras que a súa conservación implica para Lugo”, sinalou a rexedora.

0.16242098808289