As obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa de Lugo serán licitadas por uns 3,1 millóns de euros

As obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa de Lugo serán licitadas a partir de xaneiro por un valor duns 3,1 millóns de euros, tal e como informaron desde a Xunta de Galicia.
A reforma prevé actuar sobre unha superficie duns 1.600 metros cadrados, coa dotación de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 de urxencias; e 1 de toma de mostras.
Tamén disporá de área de admisión e zonas para o persoal, mellorando espazos existentes como o de coordinación ou sala de xuntas, e incorporando outros novos, como o de sala de estar e vestiario, e as consultas de docencia e as salas polivalentes.
O actual centro de saúde foi construído a finais dos anos 60 como clínica sanatorio e, aínda que a súa estrutura está en bo estado de conservación, faise necesaria a renovación do resto da construción, como son as fachadas e cubertas e tamén procurar a mellora da accesibilidade tanto interior como exterior.
A través destas obras, cambiarase a distribución das plantas, reorganizándose e ampliando consultas e zonas de espera, realizando aseos adaptados e zonas de servizos.
Unha vez realizada esta distribución por plantas, o andar baixo destinarase a accesos, recepción, consultas e salas de acceso próximo á entrada, así como espera e servizos.
As plantas primeira e segunda reservaranse para consultas, espera e servizos. A planta baixo cuberta destínase aos locais específicos de médicos e o soto a almacenaxe e espazo de libre disposición.
As zonas de espera contarán con iluminación natural e haberá unha galería como espazo para colchón térmico. Mentres, as fachadas, partindo de máxima eficacia e economía e baixo mantemento, resolveranse en galería de vidro.
A previsión é formalizar o contrato de obra no verán e que, cun prazo de execución de 18 meses, os traballos rematen en 2027.