As obras do centro de Lugo avanzan sen prazos claros e con novas incógnitas por resolver

LugoXa
A apertura parcial de tramos e a aparición de restos arqueolóxicos atrasan uns traballos que acumulan prórrogas, xeran incerteza veciñal e carecen dunha folla de roteiro claro para o día despois
obras-centro-de-Lugo-sen-rematar
11 Jun 2025

Unha vez máis, a cidade ve como se esvaen as datas anunciadas polo Goberno local para a finalización das obras do proxecto Lugo Corazón Verde, que hai uns meses aseguraba que os traballos de humanización da rúa Montevideo rematarían o 15 de maio e os da contorna da Praza de Santo Domingo estarían listos o 15 de xuño. Porén, a realidade nas rúas continúa afastada destas previsións.

O 16 de maio abríase ao público un novo treito da rúa Montevideo, unha vez finalizadas as tarefas principais de peonalización, pero ao mesmo tempo quedaban pendentes as actuacións na rúa Bolaño Rivadeneira, concretamente entre o número 19 e a rúa Nova. Alí, a aparición de restos arqueolóxicos de época romana obrigou a reprogramar os traballos, que a día de hoxe, 11 de xuño, seguen sen concluír.

No caso de Santo Domingo, a data límite do 15 de xuño parece tamén afastarse da realidade. As obras seguen en marcha, e o ritmo actual non convida ao optimismo de cara a un remate inminente. A isto súmase a necesidade de volver intervir nas rúas Nova e San Marcos, afectadas polo paso reiterado de vehículos, e que precisarán unha nova mellora para recuperar o estado previo.

Ante esta situación, desde Lugo Monumental propoñen canalizar o fin das obras, cando este chegue, cunha celebración cidadá que marque o inicio dunha nova etapa para o centro histórico. A idea, remitida ao Concello, inclúe actividades culturais, ornamentación de locais comerciais e un desfile polas novas zonas peonalizadas, co obxectivo de revitalizar a vida social e comercial da zona monumental. A iniciativa, porén, non tivo resposta oficial ata o de agora, feito que desde Lugo Monumental lamentan.

O colectivo tamén pon o foco na falta de información sobre o día despois das obras: qué pasará cos autobuses urbanos, onde se situarán os taxis, como quedarán as zonas de carga e descarga ou cal será a aplicación concreta da futura zona de cero emisións, aspectos aínda por definir.

Mentres tanto, o Goberno local continúa escoitando críticas e preguntas que, por agora, seguen sen resposta, nun contexto no que a transformación do centro histórico de Lugo avanza, pero a un ritmo e cunha planificación que segue xerando máis dúbidas que certezas.

⚙ Configurar cookies
0.16045999526978