As obras en San Xulián do Camiño teñen un orzamento de case 324.000 euros

LugoXa
As obras na contorna da igrexa de San Xulián do Camiño, por 323.525 euros, empezaron este mes e concluirán despois do verán.
palas de rei
27 May 2021

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe, coa rehabilitación da contorna de San Xulián do Camiño, en Palas de Rei, o compromiso do Executivo co Xacobeo. Expresouse así durante a supervisión da iniciativa que financia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; José Miñones estivo co alcalde, Pablo Taboada, e co voceiro da oposición, Horacio Rouco. Supervisou o inicio das obras na contorna da igrexa de San Xulián do Camiño. O obxectivo destas é recuperar o valor arquitectónico deste núcleo.

Cun investimento de 323.525 euros, a actuación inclúe o tratamento dos arredores da igrexa y das marxes do Camiño ao seu paso por este núcleo, ademáis dos tramos do Camiño na entrada e na saída da localidade. Completarase nun prazo duns seis meses.

“Falar de Palas de Rei é falar do Camiño de Santiago e hoxe estamos en Palas para por en valor o Camiño e subliñar o compromiso do Goberno de España co Camiño e co Xacobeo”, destacou José Miñones.

Está prevista a incorporación soterrada dos sistemas xerais de servizos, a rede de saneamento separativa, a rede de abastecemento, o subministro eléctrico, o alumeado público e a rede de telecomunicacións.

Esta obra forma parte das intervencións de interese cultural nos concellos das provincias de Lugo e A Coruña que teñen tramos do Camiño Francés: O Pino, Arzua, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Paradela, Sarria, Samos, Triacastela, Monterroso e Pedrafita de Cebreiro. O investimento total dende 2016 son 4.933.246 euros.

O delegado do Goberno destacou o traballo do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, polo Xacobeo e polas infraestruturas de Galicia, patente en actuacións como a supervisada hoxe.

Tamén citou ao ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, polo primeiro escape room do Camiño, que está aberto dende hai unhas semanas en Palas de Rei. Trátase dun escape room urbano vinculado ao Camiño baixo o título The Escape Way. Está prevista a inauguración doutro similar nas próximas datas en Sarria, tamén na provincia de Lugo.

“O compromiso do Goberno de España co Camiño e co Xacobeo é firme e se pode ver en concellos como Palas, en cidades como Santiago onde a Catedral e a súa escalinata loce con todo esplendor, e tamén como fixemos esta mañá no Obradoiro coa directora xeral da Garda Civil, coa seguridade no Camiño”, engadiu o delegado.

0.16658401489258