As obras nas Gándaras provocan o corte de auga en varias zonas de Lugo este martes

As actuacións que Xestur está a desenvolver no polígono empresarial das Gándaras, vinculadas ás ampliacións previstas nas fases IV e V, obrigarán a interromper o subministro de auga en diversas zonas de Lugo este martes día 18, a partir das 07.00 horas.
O Concello xa comunicou esta situación tanto á residencia de maiores das Gándaras como ao Hospital Universitario Lucus Augusti para que conten cos seus depósitos cheos e garantan o abastecemento interno durante as horas de corte.
O goberno local atende así a petición de Xestur para poder completar a conexión entre a rede de abastecemento do parque empresarial e a tubaxe arterial municipal, unha intervención clave para o funcionamento da futura ampliación do polígono. Desde o servizo municipal prevén que o fornecemento quede recuperado ao longo da mesma xornada do martes.
A interrupción afectará a varios puntos do termo municipal, incluíndo a parte alta das Gándaras, a citada residencia e o HULA, así como os barrios e parroquias de Cima de Vila, A Campiña, A Fervedoira e Muxa.