As Olimpíadas Rurais de Galicia preséntanse en Fitur como referente do turismo sostible e do rural vivo

As Olimpíadas Rurais de Galicia serán presentadas oficialmente o vindeiro 21 de xaneiro, ás 18.00 horas, no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur), no stand de Turismo de Galicia. A cita supón un novo paso na proxección exterior dun evento que combina tradición, deporte e cultura, e que se consolidou como unha das iniciativas máis representativas do rural galego.
O acto contará coa participación da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do alcalde de Friol, José Ángel Santos, que estarán acompañados pola proxección dun vídeo promocional que reflicte o carácter festivo, participativo e identitario das Olimpíadas Rurais. A presentación servirá para amosar o espírito dunha iniciativa que recupera os xogos populares, fomenta a convivencia e ofrece unha experiencia auténtica tanto para participantes como para visitantes.
Desde a organización destacan que se trata dun proxecto que aposta decididamente polo turismo sostible, pola posta en valor da identidade do territorio e pola dinamización dun rural vivo, innovador e con oportunidades de futuro. A presenza en Fitur permitirá dar a coñecer este modelo a nivel estatal e internacional, reforzando a imaxe de Galicia como destino ligado á cultura, á tradición e ao respecto polo medio.
A presentación das Olimpíadas Rurais de Galicia en Fitur converterase así nun escaparate privilexiado para reivindicar o potencial do rural galego e o papel de iniciativas que contribúen ao seu desenvolvemento social, económico e turístico.
"A presenza en FITUR, a principal feira internacional de turismo, supón unha oportunidade estratéxica para posicionar as Olimpíadas Rurais de Galicia como un referente dentro do turismo experiencial e sostible, aliñado coas novas demandas dos visitantes que buscan propostas auténticas e ligadas á identidade do territorio", explica o alcalde, José Ángel Santos.
O acto incluirá tamén un agradecemento especial aos integrantes dos equipos participantes, á Xunta de Galicia e as persoas que fan posible a organización do evento, así como un convite aberto a institucións, empresas e visitantes para coñecer Friol e participar nesta celebración do rural galego.